Conversa con Telmo Varela (2ª parte): «os sindicatos son unha ferramenta anticuada para defender os intereses da clase obreira»

Foto: Galiza Contrainfo

Non se pode tolerar nin admitir é a actitude das organizacións de esquerda, que branquean e normalizan a presenza de VOX como un acto democratizador.

Por Angelo Nero

Unha vez fora da prisión, volves a traballar no naval e afíliaste á CUT, semella que volvías ós teus orixes. ¿Había ganas de seguir no combate, despois de tanto tempo afastado do mundo laboral?

Tiven sorte de encontrar traballo de novo no naval, o meu sector de loitas e aprendizaxe político-sindical. Afilieime á Central Unitaria de Traballadores (CUT), porque era un sindicato minoritario e, polo tanto, podía facer mellor o meu traballo sindical. Sí, realmente había ganas de seguir no combate, pero había que ir con tino e con paso seguro. Encontrei o mundo laboral moi cambiado. Para empezar, cando deixo Vigo e o naval, nos asteleiros a inmensa maioría falaba o idioma da clase obreira, o galego. Cando aterrei de novo impactoume que a gran maioría falaba o español.

Outro aspecto que me chocou, o compañeirismo de antes non era o mesmo, os conceptos solidariedade, unidade, fraternidade… practicamente non existían. Moita culpa de este panorama é dos propios sindicatos.

E mesmo pasa con reducir a loita só a melloras salariais, sen cuestionar o sistema capitalista, a ditadura burguesa baixo fachada de democracia parlamentar, non nos conduce a ningures, non pasa de ser remendos ou como se di “pan para hoxe, fame para mañán.”

Fun vendo e analizando que os sindicatos son unha ferramenta anticuada para defender os intereses da clase obreira. Non evolucionaron e hoxe en día parecen mías un instrumento nas mans do gran capital que en defender as reivindicacións do proletariado.

Na práctica, no día a día, amósanos que son un fin en si mesmos, pesa máis as siglas, os intereses particulares de cada sindicato,que ser realmente unha ferramenta útil para mellorar as condicións de vida. Ano tras ano vamos perdendo dereitos e os sindicatos non moven un so dedo para mudar esta situación, é máis, convertéronse nun obstáculo para avanzar e conquerir mellores condicións salariais, sociais e de dignidade.

Tantos anos de loitas, folgas, manifestacións, cuns sindicatos na legalidade, cun gran número de delegados, liberados profesionais, etc., e a clase obreira que gañou? En que estado estamos? Son preguntas que todos deberíamos facer.

Os sindicatos nunca plantexaron acabar coa explotación, so perfecionala para que a aceptemos de mellor grado.

Foto: Galiza Contrainfo

En 2011, sendo secretario comarcal da CUT, volves ser detido, acusado de colocar explosivos nunha sucursal do INEM, e aínda que saes absolto deste feito, es condenado por tenencia de explosivos e pasas dous anos máis na cadea. Entón denunciaches unha montaxe policial que tiña como obxectivo a túa central sindical. Aínda así non tiveches o apoio que agardabas da CUT.

Sendo Secretario Comarcal da CUT, fun detido e condenado a catro anos. E é sabido que non tiven nin o apoio nin o respaldo do sindicato. Non estaban a gusto co tipo de sindicalismo que practicabamos, e unha vez preso para a direción da CUT foi fácil desprenderse de min, e dos militantes que estaban na onda dun sindicalismo combativo, como o que practicamos na folga do metal do ano 2006 e a do 2009. Todos sabemos como foron aquelas folgas, había anos que non lembrabamos loitas de esas características. Tampouco despois da miña detención houbo loitas como aquelas, organizadas e combativas.

A policía tiña a suficiente información de quen estaba detrás daquel movemento, polo tanto, sabía ben onde golpear. E acertaron. Vaia si acertaron!! Toda esta represión non é aplicada ó azar obedece a un plan minucioso e detallado do ministerio represivo, para que a clase obreira non levantase cabeza. Non van a permitir que nos organicemos, e loitemos pola liberación de clase. Sempre que o proletariado disponse a organizarse, en auténticas organizacións de clase, é brutalmente reprimida e atacada, sen piedade, pola burguesía.

Por ter ácido sulfúrico e unhas botellas de gasolina son condenado a catro anos “por tenencia ilícita de explosivos”, cando estes produtos son de venta legal e calquera os pode mercar.

O dispositivo e o despregue policial, así como a difusión informativa foi de tal magnitude que explica que por si so foi unha montaxe policial, que so tiña por obxectivo quitarme da circulación.

Durante dous anos tamén fuches presidente do CRAC, nun momento de forte oposición veciñal ó PGOU e á depuradora. ¿A loita veciñal, nestes tempos onde o tecido comunal está tan desartellado, segue sendo imprescindible para construír unha sociedade máis xusta?

A burguesía gañounos a partida no movemento veciñal, convertendo as AAVV en meros aprendices das institucións, xogando o mesmo papel que desempeñaban no franquismo as organizacións falanxistas. Si, é o mesmo. Na maioría das Asociacións existe a vogalía da muller, que organizan cursos de ganchillo, de calceta, de cociña e outras manualidades. Como nos mellores anos do franquismo.

Hoxe en día todas as AAVV dedícanse a actividades lúdicas e ningunha cumpre o cometido polo que naceron, reivindicar e mobilizar á veciñanza para mellorar os barrios e as parroquias. Como son dóciles e obedentes tanto o Concello, como a Deputación e a Xunta non poñen ningún inconvinte en dotalos de medios económicos, a través de subvencións para ter á veciñanza entretida e “apolitizada”.

Por suposto, é necesario recuperar o movemento veciñal, (tarefa moi ardua) para avanzar, concienciar e mobilizar de novo, co obxectivo de construír unha sociedade máis sana, máis segura de si mesma e máis xusta. De seguro que vai custar motisimo reverter a situación, debemos atravesar o espazo e o tempo que foi desgastando a loita, descender ata as mesmas vísceras onde se transmutaron os obxectivos das AAVV. Mirar o dor, o tempo que desgasta, a furia arrolladora en homes e mulleres duns barrios asoballados, ultraxados, sen dereitos e sen o seu. Voltar a empezar.

Agora es un dos impulsores de Vigo Antifascista, que está desenrolando unha importante labor na cidade, ante o avance da ultradereita. ¿Porque pensas que é importante seguir dando o combate neste eido?

En Vigo Antifascista sentimos que estamos facendo o que temos que facer, e o facemos por xustiza e por amor. Por amor a Galiza e as súas xentes, por a mora a miña clase, para que teña unha vida mellor, máis humanizada, para que viva en liberdade, nunha sociedade mais xusta e xenerosa. E todo isto será imposíbel se o fascismo vai alcanzando cuotas de poder nas institucións e nas rúas.

Miro con dor o avance do fascismo, con furia arroladora, e descendo ata as mesmas vísceras do combate para frear ese avance. Sería unha folla desgarrada polo vento da indiferenza, si adoptara unha actitude contemplativa ante a gravidade da situación. Encontrei o alivio necesario cando puxemos a nadar a Vigo Antifascista.

Hai que seguir dando o combate pola luz, a liberdade e o progreso, do contrario imponse a escuridade, os corenta anos de noites de pedras. Unha cousa ou a outra.

Aínda non repostos da última crise económica, a xerada pola xestión da pandemia afondou a fenda entre ricos e pobres. ¿Cómo é posible que neste contexto un partido como VOX, que defende os intereses das clases máis favorecidas, teña incidencia entre os máis golpeados pola crise?

Hai unha idea moi estendida na “esquerda” do que os procesos revolucionarios danse cando a crise e a miseria alcanza a amplas capas da poboación. Nada máis lonxe da realidade. Sen teoría revolucionaria non pode haber movemento revolucionario, por moita crise e miseria que exista.

Sen esta teoría, sen conciencia de clase, VOX ten o campo abonado para pescar entre os máis golpeados pola crise. Ningún partido institucional ou organización prantexa solucións aos gravísimos problemas da clase traballadora, deixándolle vía libre a VOX.

Se non existe unha organización forte, con experiencia de loita política en calquera situación e en calquera período, non  se pode nin falar dun plan para a clase obreira que a quite do calexón sen saída.

Por iso, debemos emprender unha intensa laboura de educación política de clase obreira, de desenrolo da súa conciencia política. Só así construiremos un muro de contención contra as ideas e a política fascista de VOX.

As organizacións obreiras e os sindicatos deberan criar conciencia socialista entre a clase obreira. Formarse e formar para así avanzar.

O réxime do 78 semellou tambalearse co 15 M, e coa irrupción de Podemos no panorama político, nun desbordamento pola esquerda, que foi inmediatamente contestado pola dereita con Ciudadanos. ¿VOX forma parte desta estratexia para fortalecer o réxime do 78 dende os poderes económicos do país?

Co 15 M quixeron reflotar o réxime do 78, pero duraron ben pouco. Pronto desmoronáronse as ilusións reformistas, a xente quere solucións aos gravísimos problemas que padece e non bonitas proclamas e discursos sen contido. Permíteme que esta resposta sexa un pouco longa, coido que o tema o merece.

A crise actual é unha crise crónica da que non hai saída dentro do sistema capitalista. Unha das características fundamentais desta crise é a súa sincronización en todos os países capitalistas e o seu entrelazamento coas crises estruturais e coa crise xeral do sistema (económica, política, ideolóxica, etc.). A sincronización da crise debese á dependencia no desenrolo técnico-económico dos principais países capitalistas, que fixeron posible a crecente globalización da economía, a división internacional do traballo e a integración monopolista internacional.

A crise actual é unha crise de superprodución, pero dada a enorme masa de capital fixo invertida e os avances técnicos que permiten coñecer a conxuntura económica e as existencias almacenadas en cada momentos, varía na forma de manifestarse, presentándose en menor grao como crise de superprodución de mercadorías e en maior grao como crise de súper acumulación de capital produtivo, en primeiro lugar de capital fixo.

Por todos estes motivos, a crise económica que ven padecendo o sistema capitalista, en lugar de dar paso a un período de animación e prosperidade da economía, transformase nunha crise crónica de todo o sistema capitalista co consíguete estancamento da produción, o incremento incesante do paro, a elevación dos prezos, etc. Nestas condicións agrávanse todos os problemas e lacras sociais e incrementase a loita de clases. A saída á actual crise faise cada vez máis difícil, por non dicir imposíbel, no marco do propio sistema.

A falla de organizacións políticas, verdadeiramente revolucionarias, permite que o sistema capitalista tome oxixeno e de bandazos dun lado a outro, procurando saír do atolladero, e entregando diñeiro público, a mans cheas, á banca e aos grandes consorcios empresariais. Para que a volta da esquina volvan estar como ao principio, necesitando máis rescates económicos.

Este conxunto de factores internacionais fai que hoxe as contradicións económicas, políticas e sociais agrávanse ata tal extremo dentro dos países capitalistas, creando as condicións favorábeis para o desenrolo da revolución social. Non de loitas por reformas.

Precisamente, pola falla de organizacións políticas revolucionarias xorden, ao longo do estado (e tamén na Galiza), organizacións democráticas e populares co obxectivo de respostar a un amplo abanico de demandas e reivindicacións e defender os logros sociais que, coa crise, quérennos arrebatas.

En este panorama de crise económica e política xurde VOX. O fascismo sempre estivo aí. Coa morte de Franco non morreron todos os fascistas, como nos querían facer crer coa Transición. De feito, a Transición a fixeron os ex-ministros de Franco e altos xefes do Movimiento, como Adolfo Suárez ou Martín Villa. Ben, un importante sector da oligarquía aposta por VOX porque está vendo que os remendos reformistas para ilusionar ao pobo non funcionan e queren ter un partido fascista de man polo que poida pasar…

O blanqueamento da ultradereita nos medios de comunicación e o manexo que teñen das redes sociais xogou un papel fundamental na súa consolidación. ¿Cómo se pode combater o seu discurso do odio cando os mass media lle brinda un importante altofalante e en Internet teñen barra libre para desinformar e manipular a través das fake news?

Non é tanto o manexo que teñen nas redes sociais como os medios económicos de que dispoñen. Ten en conta que é o partido que máis “doazóns” recibe, con diferenza. Si me permites, fago un inciso na pregunta. En oito meses de existencia, Vigo Antifascista realizou un amplísimo traballo, só coas cuotas dos militantes de cinco euros ó mes. Imaxínate que faríamos si contaramos cun presuposto como o de VOX.

Voltamos a VOX, como diría Mao Tsé Tung, VOX é un tigre de papel. VOX é débil porque representa o atraso. Quere volver atrás na historia, a os escuros nubarróns, o negro e arcaico pasado.

Nós, o pobo traballador, somos dinámicos e frescos, representamos o progreso, o porvir, a alegría e a liberdade. Estratexicamente somos fortes por todo isto que representamos.

O fascismo de novo cuño é como o franquismo de vello cuño e se combate da mesma maneira. Loitamos contra o franquismo, porqué non vamos a ser capaces de combater o “novo” fascismo? O noso favor temos análise e a experiencia vivida dende o golpe de estado do 36 ata o día de hoxe.

Xa sabemos os mass media que intereses teñen e en que mans están, polo tanto, non é de estrañar que se brinden a promocionalos. Están no mesmo lado da barricada.

O que non se pode tolerar nin admitir é a actitude das organizacións de esquerda, que branquean e normalizan a presenza de VOX como un acto democratizador. Ante o fascismo non se pode facer como a avestruz, esconder a cabeza debaixo da ala ou deixarlle facer como si nada sucedera. O pobo traballador toma nota de todos estes comportamentos, por iso, cada día teñen menos crédito e están máis afastados da realidade.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.