Acordeireta: “Dende logo que os tempos cambian pero seguimos loitando polo mesmo”

Demostramos que a través destes temas que nos preocupan, tamén podemos tocar música de raíz e que se preste ao noso baile tradicional

Gústanos homenaxear en vida pero non queremos esquecer a moitas das persoas que defenderon o noso país a través da poesía e que como dixemos segue estando vixente en moitos aspectos. Contamos neste disco con poemas de grandes como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez e Carvalho Calero.

Por Angelo Nero

“Loitar cantando” o primeiro disco de Acordeireta, é toda unha declaración de intencións, deste dúo formado por Patricia González na pandeireta e Alejandro Balbuena no acordeón, unha aposta orixinal e comprometida a que é moi recomendable achegarse. ¿Cómo xurde unha combinación tan insólita como a dunha pandeireta e un acordeón, e cómo lle dades forma a esta mestura rítmica á que lle destes o nome de Acordeireta?

Xurdiu en novembro de 2016 cando nos convidaron uns amigos a tocar no seu festival en Pontevedra e gustounos como soa o apócope Acordeireta. En 2017 fomos a Arxentina e alí nos apareceron cun acordeón e Patri tocou coas culleres que había nunha mesa. Quizais foi o empurrón que nos faltaba para animarnos a montar algo en serio. Foi no 2019 cando comezamos a compoñer e a dar forma a este proxecto “Loitar Cantando”.

No voso primeiro disco atoparemos non so músicas enraizadas na terra, senón tamén os versos rebeldes de mulleres como Rosalía de Castro ou Luz Fandiño, e tamén de homes como Curros Enríquez e Carvalho Calero.¿A poesía tamén é unha forma de loita neste tempo noso, como foi no pasado?

Gústanos que a nosa música conteña mensaxe e ademais temos o gusto de poder homenaxear a moitas persoas que coñecemos e admiramos. Descubrimos que hai poemas que seguen vixentes incluso pasados máis de 100 anos e pensamos que a loita a través da poesía e da música é a forma máis fermosa de facelo.

Luz Fandiño é unha desas estrelas do noso firmamento poético que vos reivindicades, de tal xeito que un dos seus poemas da título ó voso álbum e ata é a protagonista dun dos vosos vídeos. Semella que a relación xa ven de lonxe, pois lembro ver a Patricia e a Luz xuntas no escenario do Festival de Poesía do Condado. ¿Cómo se iniciou esa colaboración coa poeta e qué influencia tivo no proceso de xestación de “Loitar cantando”?

Luz é a nosa madriña, unha muller incrible, incansable, loitadora e comprometida co pobo. A nosa amizade e esa rebeldía que tanto nos gusta de ela, fixo que escolléramos uns poemas dos seus libros para poñerlle música, sobre todo para homenaxeala en vida e en plenas facultades. Foi nun deses poemas onde aparecen as verbas “Loitar Cantando” e nos pareceu marabilloso chamarlle así ao noso primeiro traballo. Chegamos a gravar o videoclip de ese tema con ela e agora sempre que podemos a levamos aos nosos concertos.

Reivindicades a música tradicional, máis a vosa visión vai máis alá das “coplas que falen só do campo e do mar”, no que agroma unha forte compromiso social, unha clara reivindicación, como na “muiñeira do sr. Julio”, ¿semella que as causas polas que loitar seguen sendo semellantes as de tempos atrás, a xuventude forzada á emigración, mentres a nosa terra segue sendo espoliada?

Dende logo que os tempos cambian pero seguimos loitando polo mesmo: a nosa lingua, a emigración, as AAVV, que moitas están morrendo,  o abandono de animais e o amor pola natureza, a memoria histórica, os incendios forestais, o feminismo e a defensa das costureiras, ou mesmo falar das apertas nestes tempos de tanto distanciamento social. Demostramos que a través destes temas que nos preocupan, tamén podemos tocar música de raíz e que se preste ao noso baile tradicional.

Tamén no disco hai unha homenaxe a moitas loitadoras e loitadores que nos precederon con versos ou con acordes, ¿quen son esas persoas as que vos admirades e as que queredes lembrar neste traballo voso?

Gústanos homenaxear en vida pero non queremos esquecer a moitas das persoas que defenderon o noso país a través da poesía e que como dixemos segue estando vixente en moitos aspectos. Contamos neste disco con poemas de grandes como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez e Carvalho Calero. Foi un pracer compoñer a música a estas xoias que escribiron. Nestes momentos, xa fóra do disco seguimos recompilando poemas e musicamos a Xela Arias e Manuel María. A loita continúa!

Mimades especialmente no voso proxecto a parte audiovisual, con un feixe de vídeos das vosas cancións cunha edición moi traballada, e tamén cun vestiario que seica sae do Obradoiro de costura Saiáns, de Patricia, ¿qué importancia lle dades a esta parte do voso proxecto, para que a xente se achegue ós vosos temas e os espalle polas redes?

Cremos que é indispensable para este tipo de proxectos, o traballo audiovisual, a promoción nas redes sociais e medios de prensa e televisión. Cantas máis portas petemos, máis posibilidades teremos de que se nos coñeza e de facer concertos. Non podemos deixar de mencionar e agradecer ás persoas que traballan con nós nestes traballos audiovisuais: Elia Fondevila fotografía e vídeo; 1.1 fotografía (Yanka Soto) e Anxo Xesteira no audio.

O noso vestiario vai da man de Patri e o seu Obradoiro en Saiáns, que ademais de roupa a tradicional, deseña prendas de rúa inspiradas no traxe tradicional, que aposta polos tecidos naturais e plasma nelas algunha mensaxe reivindicativa.

Este longo ano de pandemia non foi moi propicio para a presentación de novos discos, ¿cómo foi a acollida do voso, neste contexto no que dificultou, e aínda o segue facendo, a música en directo?

Os atrancos foron moitos xa dende que decidimos gravar, xa que foi despois do confinamento e había moitas restricións nos desprazamentos a Cambados, aos estudos de Anxo Xesteira. O disco chegou a finais de 2020, antes do Nadal, e iso tamén propiciou que moita xente quixera o noso disco como agasallo para aquelas datas. Fixemos nun principio tres presentacións moi pequeniñas para os máis achegados, xa que o aforo permitido era moi reducido pola normativa sanitaria. Agora, aínda con algunhas restricións, a situación fronte ao covid mellora e por fin se presenta un verán con concertos en distintos puntos da Galiza que agardamos con moitísima forza e ilusión. Debemos de aprender a defender e protexer á cultura, porque nunca deixou de ser segura.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.