Está claro que o aumento dos gastos militares acordado polos estados, imposto polos EEUU como unha maneira de manter a súa hexemonía económica e política mundial, vai ser pagado pola clase traballadora e os sectores oprimidos e non polos ricos.
Por Encontro Galego Contra a OTAN
O Cumio da OTAN do pasado xuño en Madrid fixo unha clara definición dos seus obxectivos, ampliarse coa incorporación de Suecia e Finlandia, alén de acordar o incremento dos gastos militares, poñendo como mínimo o 2% do PIB de cada estado, cota total convivencia da Unión Europea. Con tales aumentos, o gasto en defensa da U.E ascende a 180.000 millóns de euros ao ano, case o triplo que Rusia.
Se a pandemia veu a acentuar as contradicións dun sistema capitalista en decadencia, sobre todo a partir da crise sistémica de 2008, que puxera contra as cordas as xerarquías dos estados establecidas tras a desaparición do bloco do Leste, a guerra na Ucraína é resultado destas contradicións. A OTAN, cos acordos de Madrid tenta retomar a iniciativa que perdera coa retirada (mellor dito, desbandada) no Afganistán fronte os “talibáns”.
Neste cadro, é obvio que a poboación traballadora de toda Europa incluída a ucraína está sufrindo o desastre e o aumento do belicismo en forma de infl e carestía da vida que come os salarios, destrución e privatización duns servizos públicos en avanzada fase de desmantelamento, empobrecemento social e retroceso nos dereitos políticos.
Está claro que o aumento dos gastos militares acordado polos estados, imposto polos EEUU como unha maneira de manter a súa hexemonía económica e política mundial, vai ser pagado pola clase traballadora e os sectores oprimidos e non polos ricos. De feito, asistimos a unha carreira na redución da carga fiscal aos máis ricos, mentres o pobo traballador segue financiando o estado cos seus impostos.
Ao tempo desde a UE e os gobernos anúncianse medidas para “enfrontar” o inverno poñendo límites ao consumo no gas e a electricidade, modificando a lexislación comercial para que as distribuidoras podan racionar o acceso a produtos básicos de alimentación, etc. Como non poden chamarlle polo seu nome, “economía de guerra” e “cartillas de racionamento” -na “civilizada” e “democrática” Unión Europea non se conciben medidas de países “comunistas” ou en guerra-, din que é para combater a inflación.
Mentira! A única medida real para combater a suba dos prezos sería establecer medidas de control da especulación e fortalecer e impulsar a intervención pública e a nacionalización de sectores estratéxicos (electricidade, gas, etc). Calquera outra medida só profunda na crise e a recesión.
A OTAN, que é o brazo armado do imperialismo ianqui e dos seus aliados como a UE, ten decidido que a crise vaise solucionar cando Rusia e China sexan derrotadas, xa pola vía militar ou pola vía económica (sancións); os gobernos prometen que tras este sufrimento que temos que pasar, voltarán os días de boas condicións de traballo e dos dereitos sociais. Como é obvio que isto é falso, todo o que a poboación traballadora perda agora, non vai ser devolto polos que están a nos meter nunha guerra.
No que incumbe ao Estado Español, é intolerable que o actual Executivo, o cal se di “democrático e progresista”, asuma nun exercicio de servilismo e submisión sen precedentes que hai que seguir arrastrando ao pobo traballador a unha espiral belicista e de recortes no público. A recadación fiscal debería servir ao benestar social, a garantir os dereitos sanitarios, educativos, as pensións, etc, e non para financiar os gastos militares.
Neste cadro, o pobo traballador galego vai sufrir, como pobo historicamente oprimido e empobrecido, os golpes máis duros; mas non só no económico e social, tamén no militar. O goberno central anunciou a ampliación da base naval de Ferrol para dar cabida aos buques de guerra da OTAN, convertendo nos feitos a ría ferrolán nun obxectivo militar.
Os gobernos da UE, “progresistas” e conservadores, fan parte desta ofensiva belicista que só poderá ser freada a través da mobilización social masiva, sobre a base da unidade de todas as forzas e persoas democráticas e antiimperialistas. É precisa a unidade da clase traballadora e os pobos de toda Europa para combater os retrocesos sociais e políticos que queren impoñernos baixo o pretexto de “defender á Ucraína”, e construír un potente movemento pola ruptura coa Alianza imperialista desde a mobilización na rúa, seguindo o camiño das mobilizacións de países como Alemaña, a República Checa, Bélxica, Francia, Reino Unido ou Italia.
Se el primero en comentar