Washington, Londres, Varsovia e Bruxelas foron, por esa orde, valedores daquela impostura: EuroMaidán 2013-2014. Sábese que a guerra non é só a “ausencia de paz”, e foi naquel episodio de mudanza de réxime pola forza onde xermolou a súa perversa raíz.
Por Millán Fernández
Segunda entrega (primeira: A semente perversa da guerra)
I
Por atoparse coa independencia nacional ao compás da gran catástrofe xeopolítica finisecular (o desmantelamento e desmembramento da URSS e as súas consecuencias pra millóns, que inauguraban un mundo unipolar de dominio case incontestado estadounidense) Ucraína comezaría un sostido proceso de descapitalización industrial, económica e socio-demográfica da man daquel advemento prometeico do Capitalismo salvífico que des-estruturou a meirande parte dos piares das sociedades post-soviéticas. Desde 1991 (52 millóns de habitantes) até 2022 (43,5 millóns de habitantes) perdera case un terzo do volume total de poboación, aceleradamente desde o 2014. Desde febreiro do 2022 maniféstase unha imparable catástrofe nacional entre mortes civís e militares, desprazadas internas e exiliadas-refuxiadas. Na parte do estado baixo control actual do goberno de Kiev viven arredor de 28 millóns de persoas. Na parte baixo control actual da Federación de Rusia son entre 8 e 10 millóns de habitantes, segundo as estimacións recentes.
Foron constantes as disputas entre oligarquía, burguesía e o proliferante crime organizado pra decidir finalmente a cal campo de influencia se adscribiría un estado con tal realidade interna, tan marcadamente diversa no étnico-lingüístico, no sociolóxico e no ideolóxico-político. Finalmente (desestabilización “laranxa”, manipulacións electorais e destitucións presidenciais previas) consúmase un golpe de estado, extremadamente violento e teledirixido contra o goberno lexítimo, neutral e «amigo» de Rusia, contando até coa presencia física de altos cargos do establishment estadounidense como o falecido senador McCain ou a actual subsecretaria de Estado Victoria Nuland (artífice da famosa frase «¡fuck UE!») que arengaban aos protestantes naquelas xornadas cruciais. Instigado directamente desde chancelerías e servizos estranxeiros, resulta no incumprimento constante das promesas verbais e os acordos en materia da arquitectura de seguridade estratéxica euroasiática: a OTAN nunca se estendería cara o leste e, especificamente Ucraína, manteríase non-aliñada como ademais proclama taxativamente a súa declaración de soberanía de 1990: «un estado permamentemente neutral, que non formará parte de bloques militares». Incumpriuse fatalmente, facendo da adhesión á OTAN e do “achegamento económico” á UE unha prioridade que non fora consensuada nin era compartida a nivel interno, se non que foi violentada. O inicialmente baixo apoio popular á idea de adherirse á organización atlantista medrou como consecuencia da simpatía rusa cos masivos levantamentos opositores de Crimea e o Dombás. Ese tempo de ouro valeu de manobra dilatoria pra sextuplicar as capacidades militares de Kiev e empurrala de facto á confrontación directa, como recoñeceron publicamente Angela Merkel, François Hollande ou o primeiro presidente do novo réxime ilexítimo (inmediatamente recoñecido por USA e a UE, mais non por Rusia) e principal instigador da guerra no Dombás, Petro Poroshenko. Unha guerra civil entre cidadáns ucraínos e, por extensión tamén, entre pobos eslavos. Coas tensións e repercusións que iso implicaba e implica.
Washington, Londres, Varsovia e Bruxelas foron, por esa orde, valedores daquela impostura: EuroMaidán 2013-2014. Sábese que a guerra non é só a “ausencia de paz”, e foi naquel episodio de mudanza de réxime pola forza onde xermolou a súa perversa raíz. Sábese tamén que a guerra non é outra cousa que a continuación da política (do seu fracaso) por outros medios: unha facción oligárquica venceu por canles antidemocráticas baixo tutela occidental e o novo estado ficou sen rastro de soberanía efectiva nalgúns asuntos capitais (defensa nacional) sobre unha realidade extremadamente complexa lindeira cunha superpotencia atómica e, desde xa mesmo, inimiga vital. Non sempre fora así: nin guerra entre os pobos nin paz entre clases fora, por algo, un dos lemas fundamentais do internacionalismo proletario no século XX.
II
Baixo o territorio, un mar de recursos primarios e riquezas naturais: terras raras, titanio, galio, petróleo, litio, gas, uranio, carbón, cobre, zinc, níquel… e envexables capacidades agrícolas. Non é algo novo que grandes potencias disputen o seu control naquel espazo «transfronteirizo»: o nazismo alemán e Polonia, a Rusia Imperial ou a URSS determinaron a sorte da rica e convulsa historia do pobo ucraíno, historicamente escrita por terceiros en loitas de poder fraticidas e entre imperios onde a súa xente foi o elemento «sacrificable» que, a miúdo, estableceu alianzas cuns ou cos contrarios. Intentos de asimilación cultural, fames, deportacións, represións… están presentes na memoria colectiva dun pobo marcado tamén polo desastre nuclear de Chernobyl en abril de 1986.
O “réxime híbrido” saínte foi deturpando o proceso democrático e moldeando un enxendro non-democrático entre tensións “liberal-aperturistas” e “pro-europeas”, a procura dun regreso xa imposible ao equilibrio da saudable convivencia interior baseada na neutralidade estratéxica, no respecto da pluralidade e a “boa veciñanza” con Rusia, mailas tentativas autoritarias dos sectores integristas do nacionalismo redivivo. Vaise impoñendo esta última tendencia en sintonía coa primeira e así a lóxica da vontade «dunha metade contra outra» nunha sorte de progresivo «estado policial»: etnopolítica como fundamento constitutivo e altísima razón de estado (especialmente na rexión occidental), hostigamento e prohibición de partidos políticos (Partido Comunista de Ucrania, que na altura de 2002 obtivera ata un 20% dos sufraxios; hoxe tamén proscritos socialdemócratas e outros, nun total de 16 partidos políticos prohibidos), medios de comunicación e criminalización do movemento obreiro inaugurada coa Matanza de Odessa onde ducias de sindicalistas foron queimados vivos por neonazis na Casa dos Sindicatos; acción inda hoxe impune. Crimea (de abrumadora maioría rusa que alberga a base naval de Sebastopol, Mar Negro) regresa á casa que fora sempre despois de opoñerse nas rúas, e mediante referendo e protección militar rusa, ao golpe fascista perpetrado en Kiev. Estala outro levantamento popular no leste (Dombás) que descoñece o golpe e que reprimen militarmente desde o novo poder central, o cal é silenciado por Occidente ao longo dos anos; o conflito encerraba os ingredientes necesarios dunha escalada maior. Por aquel entón centos de brigadistas internacionais libertarios e comunistas acudiron xenerosamente a protexer do fascismo ucraíno aos constantemente martirizados e marxinados pobos da rexión, concretamente en Donetsk: bombardeos diarios que duran até hoxe mesmo, cortes de auga e de luz, bloqueo de prestacións públicas… foran (e son) milleiros de vítimas mortais en menos dunha década causadas por un estado en guerra contra «o seu» pobo, executando unha sorte de limpeza étnica de baixa intensidade: a dos outros ucraínos, maioritarios na rexión: ata 8 millóns de ruso-ucraínos habitan o conxunto do estado xunto a minorías húngaras, tártaras, búlgaras, romanesas… Intensifícase naquel período o exilio e moitos deles, como hogano, refúxianse loxicamente en Rusia. O actual presidente estadounidense Joe Biden (daquela vicepresidente con Barack Obama, 2015) participaba naquela altura na Rada Suprema pra bendicir o sinistro vieiro encetado, establcendo ademais acreditados intereses familiares en empresas gasísticas locais: un sector do establishment estadounidense aliado coa oligarquía golpista mantiveron e manteñen intereses privados comúns.
III
Un sofisticado lavado de cerebro foi sedimentando desde aquela crise ao través da educación de parte, dos medios masivos de parte (lexislación e ataques de todo tipo contra a liberdade de prensa, medios prohibidos, censura en Internet) e das leis de parte (obriga de usar o idioma ucraíno en detrimento do ruso na vida pública, prohibición de manifestacións culturais en lingua rusa no oeste); canto máis, militarizando (crianzas incluídas) os estratos sociais que favoreceron, xunto á baixada da calidade de vida produto do aumento do gasto militar (de 1.700 a 8.900 millóns de dólares de investimento anuais: un 6% do PIB), a lumpenización dun importante segmento. Corrupción xeralizada como sinal recoñecible e recoñecida por calquera baremo independente, amosada pola prensa internacional: lideraba pola cola ránkings sobre transparencia ou tamén, entre outros de dubidosa converxencia europea, sobre produción de drogas sintéticas (Informe Mundial sobre Drogas da ONU, 2022), tráfico de órganos humanos (denunciado pola ONU e certificado pola Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa) ou albergando a maior clínica de «ventres de aluguer» do mundo. Nun territorio inzado de ata 43 bio-laboratorios financiados polo Departamento de Defensa dos Estados Unidos, como recoñeceu este publicamente o 9 de xuño do 2022 e polo cal a Federación de Rusia denunciou que se lanzaron operacións de guerra biolóxica. Son varias as repúblicas ex-soviéticas que concentran estas actividades. Sobre o particular existe forte controversia nos foros multilaterais a alto nivel (Consello de Seguridade da ONU). Continuou o devalo demográfico: a caída do benestar aqueixaba á poboación dun estado semi-falido no decorrer da década até febreiro de 2022.
Os “amigos”, que sempre o fan todo polo teu ben, proporciónanche entrenamento e asistencia militar, financiamento e respaldo político mentres paralelamente o goberno da renda solta ás pantasmas chovinistas anti-rusas e utopías do neo-nazismo paramilitar, composto por milleiros de fanáticos: os outros non terán cabida entre os sectores ortodoxos do estado novo do Maidán. Exército e paramilitares dispuxeron de carta branca: algúns deles foron condecorados polas súas fazañas «patrióticas» ao extorsionar e matar ben aos que non encaixaban no prototipo do “bo ucraíno»: os (ruso)ucraínos orientais, considerados polo poder nacionalista separatistas prorrusos. Confrontación civil de moderada intensidade e internacionalización con picos de actividade ao longo dos anos. Perfeccionamento da fascistización social, política, simbólica e institucional onde só unha guerra de liberación vitoriosa podía levar xa á plenitude “garantindo” ademais a futura integración e recoñecemento nos organismos do campo occidental (OTAN, UE…), e iso mesmo declaraban publicamente ideólogos do réxime alá por 2019, como o recentemente dimitido asesor da Oficina Presidencial Arestovich.
IV
Previamente (2019) sitúase á cabeza do estado a un popular comediante fondamente anti-político e carente de escrúpulos (ao comezo títere do magnate Igor Kolomoisky, hoxe xa completamente en mans do complexo militar-industrial estadounidense), evasor en paraísos fiscais segundo as filtracións dos Pandora Papers…que demagoxicamente prometera acabar coas disputas partidarias, coa corrupción da clase política e coa guerra no Dombás. Un Salvador do Pobo. Agora mesmo idolatrado polo sistema mediático-cultural de masas e convertido nun temerario showman lingoreteiro e producto de consumo televisivo que solicita esporadicamente desde a implicación total da OTAN a dar comezo primeiro a unha guerra nuclear: monicreque elevado a heroe omnipresente, produto hollywoodiense perfectamente deseñado pra esixir incansablemente esforzos financieiros e materiais (arredor de 100.000 millóns de dólares no último ano) a terceiros pra unha gran guerra perdida de antemán que vai empurrando á súa xente á morte segura. Retórica traballada por asesores de comunicación que redactan os guións dos filmes épicos: «temos a liberdade. Dádenos ás pra protexela frente ao Mal», e horteradas similares. Aplaudido case unanimemente nos parlamentos occidentais, salvo dignas excepcións. Algo así como un Guaidó eslavo disfrazado de resistente guerrilleiro “contra ao invasor” que, pola contra, ofrece “grandes oportunidades de negocio” a Monsanto, BlackRock, JP Morgan ou Goldman Sachs mentres purga e instaura unha ditadura cívico-militar que hoxe se gaba de eliminar das estanterías 19 millóns de libros das súas librarías. O complexo armamentístico estadounidense, liderado por Lockheed Martin, aplaude coas orellas pois un macabro Plan Renove dos arsenais occidentais ponse en circulación mentres o “becerro de ouro” continúa empurrando á súa xente contra un muro, desprezando toda opción de diálogo ou saída negociada con interlocutores que non recoñece válidos. Unha coalición multinacional envía carros de combate Leopard alemáns que serán queimados na cruenta guerra proxy de USA contra Rusia: as empresas asociadas ao Pentágono estarán encantadas de repoñer stocks mentres Alemaña observa como ademais da enerxética, os yankees gañaranlle tamén esta batalla comercial mentres o eixo báltico-polaco (de pulsións ultradereitistas) despraza ao eixo franco-xermano como núcleo político, económico e espiritual da nova UE. A picadora de carne humana e a industria da morte proxectan pleno rendemento e beneficios en Europa Oriental: xa o ano 2022 foi o máis rendible de toda a historia moderna e as empresas estadounidenses incrementaron as vendas nun 49%, logrando converter o teatro nun “banco de probas” das innovacións tecnolóxico-militares (redes satelitais, drons, robots, misís hipersónicos, láser…), onde os ucraínos son usados como «coellos de indias». Volodymir Zelensky fai «o seu papel»: descoñécese se conta cunha vía de escape segura pero semella previsible que non aparecerá na foto final.
V
«non hai nazis en Ucraína, iso é propaganda rusa. E se os hai é como en todas partes: tamén os hai aquí»
Batallón Azov, Pravy Sektor, Batallón Donbás, Misanthropic Division, Batallón Aidar, Unidade Kraken, Dnipro-1, Batallón Batkivshchyna, National Corps, Unidade Tornado son algúns nomes dentro da constelación de milicias paramilitares neonazis fortemente armadas, radicalmente misóxinas, homofóbicas, supremacistas brancas, antisemitas e rusofóbicas que operaron e operan na última década impunemente, contando con milleiros de militantes nas súas ringreiras. Ataques, intimidacións, asasinatos ou razzias contra xitanos e membros doutras etnias e contra prorrusos foron, ademais da súa participación directa no conflito armado do Dombás, a súa actividade preferente. Hoxe integran as esixidas e moi decimadas Forzas Armadas de Ucraína, que asumen sen maior problema a simboloxía nazi e neonazi, exhibida con orgullo. Polo tanto, non: non todos os países europeos contan con multiplicidade de grupos armados de ideoloxía totalitaria cometendo crimes de sangue impunemente durante anos.
Os estreitísimos lazos entre o ultranacionalismo integrista ucraíno (xenuíno continuador dos colaboradores nazis, con innumerables masacres e depuracións de xudeus ás costas) e os servizos de intelixencia estadounidenses veñen forxándose e documentándose desde a fin da IIGM por canto foron útiles ao obxectivo de debilitar á URSS internamente, así como tamén o foron os muyahidin de Afganistán. Nazis como os novos “freedom figthers”, que pode saír mal?
O seu horizonte político pra Ucraína asumiuse e subsumiuse nas estruturas cívico-militares do actual réxime, que actúa na praxe como un estado-canalla poñendo en perigo a paz mundial ao buscar pretextos pra involucrar a máis actores: unha hipotética entrada directa da OTAN ou Polonia, Bielorrusia, Moldavia ou Hungría podería desencadear un incendio continental. Que estados como Francia ou Alemaña, coa súa experiencia nos acontecementos do século XX, intensifiquen a súa participación pola vía dos feitos consumados empurrados por Washington e Londres, non é tranquilizador. No Reino de España limítanse a cumprir ordes inda que nos primeiros días da contenda o presidente do goberno español aseverase un “España desvivirase pola Paz” que se esvaeceu en horas. Podemos imaxinar que aconteceu pra experimentar un cambio radical en tan pouco tempo: Roma traditoribus non praemiat
VI
En febreiro do 2022 tropas rusas pouco motivadas cruzan as fronteiras internacionalmente recoñecidas por varias vías de entrada nunha operación en principio deseñada pra derrocar rapidamente ao réxime do Maidán. Fracasou en parte, e as hostilidades foron concentrándose fundamentalmente no leste e no sur desde aquela e establcenedo unha longa liña de frente da extensión de Portugal. Como en todos os conflitos os contendentes constrúen os seus pretextos xustificativos: a desmilitarización e desnazificación de Ucraína oponse á guerra contra o invasor e á defensa dunha “orde internacional baseada en regras” (nas regras de USA e aliados, se entende) xa que “Putin pretende restablecer a Unión Soviética”, en verbas de Joe Biden. De paso refórzase a nivel mundial o marco anticomunista aplicado en Ucraína desde 2015 coas “leis de descomunización” que posibilitaron a prohibición do PCU e doutras formacións (e o desmantelamento de monumentos e símbolos aos libertadores soviéticos) contemplando penas de ata cinco anos de cárcere pola súa vulneración. Ao ser Vladimir Putin un silovikiex-axente da KGB, inda que ultraconservador, pode ter encaixe no imaxinario. Esas normas contemplaron tamén a prohibición de medios de comunicación, entre outros ataques ás liberdades públicas. Hoxe en día esgrímense, xa en plena guerra, como base pra borrar do calendario laboral do país o Día da Victoria, o Primeiro de Maio ou o 8 de marzo.
Outro argumento ruso é o de liberar e protexer ao Dombás das forzas que durante oito anos esmagaron (e esmagan, segue habendo bombardeos diarios das forzas armadas de Ucrania a «territorios separatistas”, inda que non saian en La Sexta) ás poboacións locais, recoñecendo ademais a independencia das proclamadas repúblicas de Donetsk e Lugansk. Para Kiev «separatistas» nestes anos e, desde xa, «ocupantes»: dunha banda as milicias republicanas, os contratistas (exército privado) de Wagner e as forzas oficiais da república chechena leal ao Kremlin liderados por Kadyrov, ademais de curtidos voluntarios sirios. Da outra as Forzas Armadas de Ucraína integradas polos grupos paramilitares neonazis, a lexión estranxeira (voluntarios e mercenarios multinacionais) e grupúsculos diversos como os xihadistas chechenos (Ichkeria) e outros de orixe caucásica asistidos por ata 50 estados occidentais. En resumo: unha boa ensalada. Ideal pra seguir enviando armamento sen miramentos e sen freo (como xa se fai desde 2015) ao bazar no que pescarán as redes do mercado negro e do tráfico e o terrorismo internacional (presencia do ISIS, etc). Apareceron xa arsenais en Murcia provintes daquel buraco negro.
A guerra escala e con ela maniféstanse os horrores que lle son propios en forma de crimes contra a humanidade a múltiples bandas, ademais da lóxica das represalias e contra-represalias ou das medidas de retorsión económica e ataques contra infraestrutura civil orientadas a afogar a capacidade de resistencia e a viabilidade do estado durante os últimos meses. Os estados occidentais suben a aposta do armamento e dos riscos de enfrontamento directo mentres a Federación de Rusia emprega aproximadamente un 10% das súas capacidades militares e avanza lentamente no control do territorio anexionado/liberado. O conflito segue tendo moito marxe de empeoramento e agravamento, e semella que USA e aliados non escatimarán de momento en esforzos. Alguén se está forrando mentres moitos morren e se empobrecen.
VII
Cumprido o primeiro ano da intervención militar directa da Federación de Rusia no xa longo conflito ucraíno, son algunhas as reflexións que cumpriría ter en consideración:
-as causas da destrución en marcha do estado de Ucraína son multi-factoriais: é resultado de malas decisións propias das súas elites nos últimos lustros, da intensa inxerencia dos estados occidentais e dos seus incumprimentos e tamén, na súa xusta medida, da Federación de Rusia. Podería dicirse, sen medo a enganarse, que nun 80% é responsable o goberno dos Estados Unidos de Norteamérica e o brazo armado ao servizo da sua política exterior (OTAN).
-nada do acontecido desde febreiro de 2022 ten que ver coa defensa de principios ou de valores democráticos. Non se «defende a democracia» apoiando a un rexime non-democrático (filonazi) fóra das fronteiras da propia OTAN contra unha autocracia como a rusa. Foméntase o contrario: a antítese do progreso, da democracia e da liberdade. Impónse o culto á morte, á vinganza, aos peores instintos dos seres humanos, ao lucro, ao nacionalismo de estado e ao militarismo: fascismo chama por máis fascismo.
-a implicación dos estados occidentais, ex ante e desde febreiro de 2022, incrementou e incrementa de maneira determinante o paulatino proceso de destrución, sen obviar a responsabilidade alícuota correspondente á Federación de Rusia. Ese proceso non semella ter xa volta atrás.
-o envío de armamento occidental desde 2015 e, moi especialmente, desde 2022 é un erro moi grave que só axuda a que a destrución se intensifique inexorablemente e se corra o perigo dunha conflagración de maiores proporcións que xa é hoxe garante de retrocesos sociais, civís e políticos no continente europeo. Non é un erro, por suposto, pra quen se enriquece coas guerras e pra os pescadores en augas revoltas.
-na praxe resulta tamén nunha guerra económica de USA contra a UE, centrada no obxectivo de cortocircutar o achegamento dos estados de Europa Occidental e a Federación de Rusia. Alemaña previsiblemente entrará xa en recesión neste primeiro trimestre de 2023 e, con ela, posiblemente outros estados europeos. Suposta «protección militar» (OTAN) a cambio de sometemento económico e político.
-o sistema-mundo está mudando rapidamente e novas potencias emerxentes parecen dispostas a contestar o dominio e a impunidade estadounidense das últimas décadas. A UE queda ferreamente presa dunha alianza en sociedade subordinada, no canto de buscar posicións máis neutrais que poderían abrirlle o xogo de novas oportunidades en sociedades hoxe máis puxantes, desenvolvidas e optimistas. O mundo xirou cara Asia, e Europa Occidental está «perdendo o tren»
-Ucrania e o seu pobo foron e son usados nun enfrentamento entre superpotencias: mais semella lóxico que Rusia non vaia permitir que o imperialismo occidental acade os obxectivos nas súas fronteiras inmediatas, porque significaría un mal precedente e unha ameaza vital.
-sen abrirse vías diplomáticas só se aboa o terreo pra unha gran conflagración no continente que podería deixar como anecdótica a destrución ocasionada na Segunda Guerra Mundial, tendo presente as armas convencionais e non-convencionais das que hoxe se dispoñen. Mais nos convén aos pobos europeos que a guerra se deteña ou remate este ano mellor que o ano que vén. E o que vén, mellor que o seguinte. Isto acontecerá antes se os pobos presionan e se opoñen activamente.
Se el primero en comentar