Os Neto, mestres canteiros; De Coto, desertor da guerra da Independencia; o selo municipal; o cerdedés falecido en Mauthausen; a “Causa General”; Graham Greene en Cerdedo.
Por Calros Solla | 4/02/2025
Os Neto, saga de mestres canteiros
O primeiro dos documentos que exhibimos, extraído dun repositorio dixital, é un oitavo de papel verxurado no que, a lapis, en data indeterminada, se escribiu a nota seguinte:
“Jph, y Grego Nieto vez.s de Cerdedo / buenos canteros trabajaron en / Castilla, hicieron las Yg.las de Millarada, y Cerdedo, esta tiene una facha / da muy arreglada de ordn. Dórico”.

O mestre canteiro Xosé Neto e mais o seu irmán Gregorio (“Nieto” é castelanización da forma galega orixinal) foron os artífices da actual igrexa parroquial de San Xoán de Cerdedo, cuxa construción promoveu o reitor Román Moas e Barreiro no ano 1779. Conforme se le no lintel da porta principal, as obras desenvolvéronse ao longo de dous anos, substituíndo e ampliando as antigas estruturas medievais. Da época medieval fica tan só a sancristía, baixo bóveda nervada. A reforma do templo arrequeceuse coa adquisición de varias tallas, saídas do obradoiro compostelán de Xosé Gambino: o Ecce Homo, A Dolorosa e, quizais tamén, o san Miguel, imaxe custodiada na capela do lugar de Arén. Xosé Neto sería así mesmo o autor da escultura do san Xoán Bautista “inter turres”, como así o acredita a copla popular: “Cerdediño, Cerdediño / Cerdediño prós amores / a fonte ao pé da estrada / e san Xoán no medio das torres”.
Por tradición oral, chegounos que, en abril de 1809, en plena Guerra da Independencia, un destacamento de franceses chegou a Cerdedo. Amais doutras desfeitas persoais e materiais, guindaron ao chan a escultura do Bautista. Xosé Neto Neto, fillo de Xosé Neto, encargouse da súa restitución. Explicou un dos nosos informantes que, se cadra, sendo os “dragóns” a elite do exército galo, os gavachos non dubidaron en apear do seu pedestal o heroe que, conforme a crenza popular, vencera a serpe voadora do Sangal.
Xosé Neto, mestre de obras e escultor, naceu en Cerdedo nas primeiras décadas do século XVIII. Amais dos templos parroquiais de Cerdedo e Millarada (Forcarei), Neto dirixiu (ano 1769 e ss.) a construción da capela da Nosa Señora do Castro de Montes (Presqueiras (San Miguel)-Forcarei) e, tras pórlle o ramo á igrexa de Cerdedo, enfrontou a ampliación da parroquial de Quireza, en cuxa parede sur non esqueceu embutir un reloxo de sol.
Na portada neoclásica da igrexa parroquial de Cerdedo, unha cornixa moldurada separa o corpo principal dos dous campanarios e mais o balaustrado que os une. Ben seguro, o feitío deste elemento motivou o autor da nota a falar de “orde dórica”.
O desertor da guerra co francés
Do Arquivo do Reino de Galicia seleccionamos un dos boletíns individuais de alistamento na “Legión de Voluntarios del Ribero”, milicia galega erixida en azoute do exército napoleónico.
O 20 de xuño de 1810, o cerdedés Francisco Xosé de Coto e Coto, de 16 anos de idade, é detido en Porto (Portugal), onde residía, acusado de deserción. Nota: “Fue aprendido por la partida”. O soldado De Coto alistárase na Lexión de Voluntarios do Ribeiro. Entre 1809 e 1814, a Lexión do Ribeiro, ao mando de Bernardo González “Cachamuíña”, tomou parte en numerosas batallas contra o francés invasor, especialmente en Asturias e Castela.
O mozo Xosé de Coto estaba solteiro, tiña por oficio “carretos” (carreteiro), posuía unha estatura de 4 pés e 8 polgadas (uns 130 cm), cabelo castaño, cellas ao pelo, relixión “católica, apostólica e romana”, ollos pardos, fronte “rigular”, nariz afiado, color trigueño, barba “pouca” e boca “rigular”. Consonte os máis datos persoais que se consignan no boletín, era natural de Cerdedo, freguesía de San Xoán, xurisdición de Montes, bispado de Santiago e reino de Galicia. Sen máis. “Y por no saber firmar, hace la señal de cruz, ante el señor comisionado José Benito Munín”.
Este Munín, “comisionado para recoller desertores e mozos galegos en Portugal”, era parente do destemido “Cachamuíña”.

O selo municipal
Do Archivo Histórico Nacional escolmamos un documento manuscrito, redactado en 1876 e referente ao deseño e entrada en vigor do cuño municipal:
“Este sello fue construído en el año de 1842 por el Ayuntamiento que regía en el mismo, en cuya época se hizo forzoso el uso del mismo a los Ayuntamientos; siendo el que hasta la fecha se ha usado y se sigue usando.
El emblema del Cordero que contiene es alusivo al de S. Juan Bautista, por llamarse esta parroquia, cabeza del municipio, S. Juan de Cerdedo y hallarse en la torre de la iglesia el busto de dicho santo con el mismo”.
Albíscase no timbre o año nimbado, termando coa man dereita dunha cruz e filacteria –“Ecce Agnus Dei”–. O zoomorfo móstrase en pé –cabeza revirada–, encol do Libro dos Sete Selos (O Apocalipse, da autoría de Xoán de Patmos, de Xoán o Presbítero ou de Xoán o Evanxelista –se é que non son a mesma persoa–, ou de ningún deles. Sexa como for, o emblema cerdedés conxuga a iconografía dos dous Xoáns: o Bautista (o precursor de Xesús) e o Apokaleta. Arredor do año (alegoría de Cristo), lese: “Ayuntamiento Constitucional de Cerdedo”.
No escudo moderno do concello, o cordeiro nimbado represéntase deitado –cabeza cara a diante– sobre o Libro dos Sete Selos, sostendo entre as patas ou coa pata dereita unha cruz que serve de pau a un estandarte branco ondeante, ao que se lle incorporou unha cruz latina de trazos vermellos.
Na portada da igrexa parroquial, a vidreira que pecha o ollo de boi enféitase coa figura dun año ergueito, portador dunha cruz e estandarte cruzado coas cores da bandeira galega.

O republicano Martiño Ferreiro no Arquivo Arolsen
Nos fondos dixitalizados do Arquivo Arolsen (“International Center on Nazi Persecution”), atopamos documentación do cerdedés Martiño Ferreiro Álvarez, político republicano nado no lugar do Outeiro, parroquia de Quireza en 1892.
A comezos de 1939, Martiño Ferreiro atravesou a fronteira francesa fuxindo da persecución franquista. Foi confinado no campo de refuxiados de Argelès-sur-Mer (Pireneos Orientais). Combateu o nazismo en Francia. Caeu prisioneiro da Wehrmacht en xuño de 1940, sendo trasladado ao campo de exterminio de Mauthausen (Austria) o 13 de decembro dese mesmo ano. Martiño Ferreiro falecerá no campo auxiliar de Gusen o 23 de novembro de 1941.

Os documentos que damos a coñecer son os que constitúen o seu certificado de defunción (“todfallsaufnahme”), timbrados polo xulgado de Mauthausen o 9 de decembro de 1941: Nome e apelidos do falecido, oficio (“maurerpolier”, mestre de obras), idade (49 anos), data e lugar de nacemento (Quireza, 13-9-1892), relixión (“rk”, católica), estado civil (casado), residencia (rúa Asturias nº 1-A Coruña), data e lugar de falecemento (“Konzentrationslager Mauthausen”, 23-11-1941, cara ás 6:30 h), cónxuxe (Palmira Ramil Medín). As nove preguntas seguintes do formulario ficaron en branco. O certificado volveu timbrarse o 10 de novembro de 1948.
A ficha seleccionada para ilustrar o ítem de Martiño Ferreiro é unha das 190 millóns de imaxes dixitalizadas, correspondentes á documentación custodiada no Arquivo Arolsen no tocante a campos de concentración, traballos forzados e persoas desprazadas por mor do nazismo criminal. Creado polos aliados tras a II Guerra Mundial, o edificio da institución sitúase na localidade alemá de Bad Arolsen (Hesse).

A “Causa General”
Do Archivo Histórico Nacional rescatamos a carta de resposta remitida polo Concello de Cerdedo o 22 de marzo de 1941 a Ernesto de Palacios y Prieto, fiscal instrutor delegado da “Causa General de Pontevedra”.
Por orde de Xerardo Lorenzo González –o primeiro alcalde franquista de Cerdedo–, o secretario municipal Secundino Bugallo Sieiro redacta e asina:
“Me complazco en devolver a VS. sin llenar, el adjunto estado nº 1, que me envió con su escrito de 20 del mes en curso, por no haber personas residentes en este término municipal que hayan sido muertas o desaparecidas durante la dominación roja.
Dios guarde a VS. muchos años.
Cerdedo 22 de marzo 1941.
El alcalde [Por orde: Secundino Bugallo (sinatura)]”.

Por decreto do 26 de abril de 1940, o fiscal do Tribunal Supremo instrúe a “Causa General”, co obxectivo de averiguar os delitos cometidos en todo o territorio do Estado durante a chamada “dominación roja”.
A teor da causa, o 20 de marzo de 1941, requíreselle á alcaldía de Cerdedo a seguinte información: “Relación de personas residentes en este término municipal, que durante la dominación roja fueron muertas violentamente, o desaparecieron y se cree fueron asesinadas”.
Secundino Bugallo Sieiro, secretario municipal, responde: “Ninguna”. Érache boa a “dominación”!
Pola contra, en Cerdedo, a represión franquista provocou 20 mortos e centos de represaliados.
Secundino Bugallo Sieiro, antigo alcalde riestrista e home forte da dereita máis reaccionaria, era cuñado de Francisco Varela Garrido “Pancho”, o secretario municipal republicano asasinado polos fascistas en xullo de 1937.
En Cerdedo, a autoridade non fai cumprir as Leis da Memoria.
Graham Greene en Cerdedo
Leopoldo Durán Justo, nado no lugar de Penedo, concello de Avión, en 1917, e falecido en Vigo en 2008, foi crego (de ideoloxía franquista), profesor e escritor. Estudoso da obra do novelista británico Graham Greene (1904-1991), Durán doutorouse en Filoloxía inglesa (King’s College) cunha tese sobre o sacerdocio na narrativa de Greene, e en Filosofía e Letras (U. Complutense) cun traballo sobre o “substrato teolóxico” na obra do mesmo autor. Durán e Greene coñecéronse en 1973. Dende aquelas, mantiveron unha estreita amizade que os levou a percorrer xuntos milleiros de quilómetros pola xeografía peninsular: quince viaxes entre 1976 e 1989. A experiencia inspirou en Greene a novela Monseñor Quijote (1982), levada ao cine en 1987.
En 1996, Leopoldo Durán publicou en Espasa Calpe o libro Graham Greene. Amigo y hermano, a versión castelá de Graham Greene. Friend and Brother, editado dous anos antes por HarperCollins.
Arrimando a brasa á nosa sardiña, das páxinas 196-7 extraemos os seguintes parágrafos, ben relevantes para intrahistoria de Cerdedo que, durante anos, locus amoenus, acolleu o asueto desta singular parella de viaxeiros estivais:

“[Oseira] 14 de agosto de 1984. Después del desayuno y de los abrazos cariñosos, salimos de Osera camino del parador de Cambados. Haríamos picnic por el camino … En Cerdedo, el próximo lugar de nuestro viaje, rodamos una escena cinematográfica. En este pueblo a orillas del río Lérez, tuvimos uno de los picnics más deliciosos, que repetimos a lo largo de los años en el mismo lugar. La primera vez nos separamos de Cerdedo unos 200 metros, buscando una sombra con agua fresca para nuestro picnic. De pronto, nos encontramos con el sitio ideal. Yo creo que fue el mejor lugar que, a lo largo de muchos años, encontramos en España o Portugal. Al lado mismo del río había un eucalipto cortado. Aquel largo tronco nos proporcionaría asiento y mesa incomparables, donde poner nuestra frugal comida, y sentarnos al mismo tiempo.
Pero el detalle que más nos encantaba era que el río Lérez pasaba con murmullo apenas perceptible, a dos metros de nosotros. Aún en los días más calurosos de verano, el agua del río estaba muy fría. La enfriaba la providencia para que nosotros pudiésemos sumergir allí las botellas por unos minutos. Teníamos la impresión de que el propio vino blanco … se sentía feliz. Era tan ideal este rincón del Lérez, que quedó grabado en nuestra memoria el día que lo descubrimos. Tratábamos luego de gozar de aquel oasis siempre que nos caía de camino.
Uno de estos días felices, Graham imaginó una escena cinematográfica. Yo iría a sacar las botellas del río, como si fuese a pescar algo; el ‘Tercer Hombre’ [Aurelio Verde, profesor universitario e chofer eventual] sacaría las fotografías. Graham contemplaría la escena. Y él dio la señal:
«Vamos allá. Leopoldo será el actor; Aurelio, el operador; yo, el director de escena.»
Lástima que en la fotografía sólo aparezca yo pescando las botellas. Al año siguiente cambiaríamos los papeles. Esta vez sería Graham el actor pescando botellas, y el operador le sacó dos o tres excelentes fotografías.”.
Se Leopoldo Durán, oriúndo de Avión, non trabucou o Lérez co seu afluente o Castro e “separándonos de Cerdedo uns 200 metros”, deducimos que o recuncho fluvial paradisíaco que tanto apraceu os ilustres visitantes non pode ser outro que o Lérez ao seu paso pola Veiga dos Muíños (léase: Faro de Vigo, 6-1-2013). O muíño do Santés, o muíño dos Ranchelos, a Serra de Rosendo, o muíño dos Netos –nobres ruínas–…, un tesouro etnográfico e paisaxístico que, se a divina providencia non o remedia, a humana incompetencia o asoballará sen arranxo baixo o viaduto do TAV.
Por certo, sería bo que o responsábel municipal de cultura se preocupase por localizar a curtametraxe filmada en 1984 por Greene, Durán e Verde en Cerdedo. Inestimábel promoción. A perder ninguén é rico.
Se el primero en comentar