Carmen Calvo recoñece que o Estado actúa pola presión do movemento memorialista galego

O Estado reúne á Xunta, á Deputación e os concellos de Sada e da Coruña en Meirás para facer unha foto e non dar solución ningunha ás demandas urxentes sobre a protección dos bens do Pazo nin ás demais demandas do movemento memorialista galego

Pola Iniciativa Galega pola Memoria / Defende Meirás

«Vostedes móvense na medida que nós nos movemos. Vostede está hoxe aquí porque nós movémonos hai unha semana. Se nós paramos, vostedes paran«, díxolle Carlos Babío, portavoz de DEFENDE MEIRÁS, á ministra Carmen Calvo á entrada do Pazo de Meirás, no mesmo lugar onde unha semana antes tivo lugar a maior mobilización do memorialismo galego dos últimos quince anos.

A ministra e vicepresidenta admitiu alí mesmo, antes do acto institucional, que o Goberno vai detrás das demandas das entidades memorialísticas do país e avanzou a Carlos Babío que se organizará unha homenaxe ás vítimas dentro de Meirás, despois de tela impedido hai unha semana e deixando, de novo hoxe, ás vítimas fóra do Pazo.

Á hora de redactar esta nota de prensa, rematado o acto institucional coa presenza de representantes do Estado, da Xunta, da Deputación da Coruña, e dos concellos de Sada e da Coruña, non temos noticia de que se teña producido anuncio oficial ningún en relación ás demandas que desde o movemento memorialístico galego se lle veñen exixindo ás Administracións: ampliar a protección de todos os bens do Pazo diante do novo intento de rapina dos Franco, desenvolver un acto en memoria das vítimas do fascismo e da represión franquista en Meirás, converter o espazo de memoria histórica e participación das asociacións de memoria na xestión dese futuro espazo.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a asociación Irmáns Suárez Picallo de Sada, a Alexandre Bóveda nin ningunha das principais asociacións de memoria do país agrupadas na IGM (que o xoves decidiu maioritariamente non acudir unha reunión da súa coordinadora) ou fóra dela tomaron parte no acto organizado a toda présa polo Estado.

A Ministra de Presidencia, Carmen Calvo, veu reiterar hoxe a declaración de onte do Secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, que se manifestou disposto a abrir “vías de cooperación coas entidades gallegas de memoria democrática”, segundo recolle a prensa do día. Mais esa colaboración estivo vedada até o pasado sábado, o día da manifestación do 19 de xuño, e as memorias seguen cuestionando a vontade real do Goberno para cooperar co movemento.

Carlos Babío, portavoz da IGM, deixou ben claro o sentir do movemento memorialista e a continuidade da loita polo patrimonio espoliado, do que Meirás e só a punta do iceberg, no seu muro do Facebook:

«As administracións que non protexen o Pazo (agás o caso do Concello de Sada) en perigo grave de impunidade, veñen a Meirás convocadas polo estado para neutralizar o movemento memorialista galego. Como se nós fósemos o inimigo e non a loita contra os espolios e a impunidade franquista.
Viñeron a buscar unha foto de autoridades e palmeiros de pedra. E fixeron moitas fotos. Mais non busquedes nelas ás persoas protagonistas da loita pola devolución. Nen a familiares de vítimas e asociacións representativas nesta loita.
Por segunda vez un acto de estado en Meirás de esquecemento. Mais nós non esquecemos. Seguiremos na loita.»

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.