![]()
Entrevistamos ó director de cine Carlos Martínez-Peñalver, co que conversamos sobre a súa primeira longametraxe ‘Á procura da estrela’, rodada na portuguesa Serra da Estrela.
Por Angelo Nero | 22/01/2026
Carlos Martínez-Peñalver é un director e montador de cine galego, graduado en Comunicación Audiovisual a cabalo entre as universidades de Compostela e a Pompeu Fabra de Barcelona. Comezou dirixindo videoclips de grupos da escena underground coma Puma Pumku, Mvnich, Jay, Elba ou The Mentres. Despois rodou varias curtametraxes: “Nocturna” (2015), “Juventud Gruyère” (2016), “Después de la Bandera” (2017) e “Cómo desaparecer” (2018) onde “incorpora o celuloide e os seus procesos artesanais como ferramenta fundamental de expresión.” Participa como asistente de montaxe en “Mimosas”, de Oliver Laxe, película premiada en Cannes no 2016. E tamén é responsable de montaxe dos films, “Ningún río me protexe de mín”, de Carla Andrade, “Alén Mar” de Andrés Sanjurjo”, e “El rastro firme” de Fernando G. Luna.
En 2023 estrea a súa, ata agora, primeira longametraxe, “Á procura da estrela”, na que conta a historia de Joel, un sonidista galego que viaxa a Serra da Estrela, onde se atopa o teito de Portugal, na procura de rexistrar as paisaxes sonoras dun mundo que semella en vías de esmorecer, e que o director retrata con certa pulsión etnográfica, rexistrando tradicións e costumes arraigadas nesa serra dende a noite dos tempos, máis tamén dando pinceladas de realismo máxico, que fan deste film unha pequena xoia que merece ser dada a coñecer. Con ese motivo conversamos con Carlos Martínez-Peñalver.
![]()
“Á procura da estrela” ten a súa orixe nunha das túas curtas, “Cómo desaparecer”, que rodaches tamén xunto a Joel Fontán, na Serra da Estrela, ¿que faísca prendeu ese primeiro proxecto en ti, como para que decidiras afondar nese territorio, que na curta semellaba onírico, e darlle unha textura máis real, pero sen abandonar ó máxico?
A curta “Desaparecer” xa tiña algo dentro da súa propia narrativa, desa idea de alguén que se perde nun lugar e non volve. Nós, cando fomos filmar esta historia, xa tiñamos claro o de deixarnos levar polo descoñecido, por ver con que nos topábamos, a onde nos levaba, e filmamos ese proceso. Entón coñecemos a Ze María, un dos co-protagonistas do filme. Cando pedimos axuda ás asociacións da contorna, ofreceuse a mostrarnos unha ruta que non fora filmada por ninguén, porque a abrira el mesmo, no Vale do Beijames, onde ten un Parque de Campismo, para que os sendeiristas apreciaran a paisaxe, máis tamén para que servise de cortalumes nos incendios que soen prender nos veráns. Ao coñecer a Ze María, que vai un pouco por libre, con certa hostilidade cara á administración da zona, que andaba pola sua conta, pero que tamén protexe e valoriza o seu entorno natural, contar coa sua sabedoría local e coa axuda do seu todoterreo, que nos levou a zona inaccesibles, foi moi importante, e deunos para tirar dese fío.
Erguer unha longametraxe, aínda que sexa unha pequena produción, require moitos esforzos, materiais, técnicos e humanos, ¿como conseguiches levar adiante este proxecto, con que apoio económico contaches, e canto tempo invertiches nel?
Comezamos cou curta en 2018, e estreamos a longametraxe a finais de 2023. Son cinco anos entre documentación, guión, produción, distribución, etc, e o filme aínda sigue camiñando a día de hoxe, facendo pases. Os apoios foron unha axuda á promoción do talento galego da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), que dan á xente que comenza, para óperas primas, que permiten facer proxectos coma o noso. Así que tiramos para adiante, con estes cartos e moita vontade. Déronnos 30.000 euros, e con iso comezamos a recibir máis apoios. A través das cámaras municipais da Serra da Estrela facilitáronnos aloxamento, transporte e demais, e logo tivemos unha axuda que foi determinante para o filme. Gastaramos os cartos da subvención de AGADIC, e normalmente os procesos de posprodución son unha parte moi importante do orzamento, e tivemos moita sorte porque gañamos un premio no Festival Entrevues Belfort, en Francia, para esa posprodución, que fixemos en París, e iso permitiu que a película teña un acabado profesional, para poder proxectala nunha sala de cine. Tamén nos axudou a TVG. Fomos financiando pouco a pouco, fomos recollendo cartos á vez que facíamos a película. É unha estratexia un pouco kamikaze, pero a nós foinos ben.
E a equipa humana? porque a xente tende a ver unha longa como esta e pensa qeu son dous tolos que van cunha cámara, e detrás hai toda unha equipa, aínda que non sexa moi grande…
Si, nos eramos quince persoas, entre a equipa de son, unha pequena equipa de arte para cuestións de vestiario, fotografía, que tiñan que ser dúas ou tres persoas, produción, a xente que tiña que transportarte, porque para cada localización tiñamos que facer desprazamentos, é, aparte diso, tamén había que xestionar a manutención, o hospedaxe. Ao final foi unha rodaxe de vinte e un días, e con quince persoas precisas organizarte. Ten algo de xestión de expedición de montaña. Tentabamos non gastar moito, movendo a toda a equipa, pero ó final todos fixeron os trilhos, a viaxe que fai Joel a fixo toda a equipa.
![]()
A película ten moito de viaxe interior, da procura do protagonista de si mesmo, de descubrirse a través dunha terra que lle fala, a través de paisaxes sonoros insólitos, ¿tamén foi un reto para Joel, que protagonizaba por primeira vez unha longametraxe, e tiña que probar os seus límites e vencer os seus medos diante dunha cámara?
Si, para Joel foi todo un reto, de feito tivo moitas dubidas de levalo a cabo. Cando o filme xa estaba preparado para facerse, tiven que animalo no último momento, porque protagonizar unha película, que o teu rostro este aí a cada momento, é unha cousa que tes que lidar. Aínda que Joel ten unha formación de músico, e sabe tamén o que é estar diante da xente. Nós, cando fixemos a curta “Desaparecer”, el era como un colaborador artístico, e xa era proactivo a facer este proxecto na Serra da Estrela, e axudaba moito máis que un actor, e como viviu en Portugal falaba ben o portugués, e sempre ia un paso máis adiante coa xente de alí. Foi algo natural o de darlle o seu lugar no filme, porque el tiña tanta información coma eu, pero podía incidir máis no trato da xente da zona. Cando facíamos os ensaios coa xente, ia todo moi rápido con Joel, porque Zé María, Joaquim, xa o coñecían, e entendían que esa recreación do que xa vivíramos con eles era moi doada. O equilibrio entre os profesionais e os non profesionais podería quedar máis artificial, e restarlle naturalidade á xente da Serra, e eu quería que houbera un equilibrio, nese xogo de medio documental medio ficción. A rodaxe coa equipa estivemos 21 días, pero eu antes estiven un mes con Joel, facendo os ensaios, descubrindo ás persoas que aínda nos faltaban para completar o elenco. Eso foi unha sorte.
Aparte o debutar diante dunha cámara, con Joel, aporta esa frescura, é tan natural que semella que en vez de interpretar un papel, está facendo de si mesmo.
Xa xogabamos a iso, eu cando facía o guión, pensaba en que a Joel lle estaban pasando esas cousas. O que lle ía acontecendo a Joel, nos acontecía a nós na rodaxe, todo o tempo, se viña a néboa, cubríanos a todos. E tamén, Joel, como sonidista, afrontaba os mesmos problemas que a equipa de son. E todo iso o iamos encadrando dentro da historia. O guión estaba feito para que todo isto fora natural, que filmaramos o que estaba acontecendo.
![]()
Ese empeño en rexistrar as badaladas do campanario dunha vella igrexa, o rumor das follas das árbores movidas polo vento ou o balido das ovellas cando son esquilmadas, é un dos elementos polos que o protagonista entra no corazón da Serra da Estrela, ¿por que tiraches deste fío para introducir a Joel nese mundo, e que importancia ten o traballo de Paulo Lima no son da película?
Paulo Lima foi fundamental. Chegou pola produtora portuguesa e o ver o guión, onde o sonidista é protagonista e o son é tan importante, plantexoume moitas dubidas para que o tema do son non fose algo superficial, para que pensaramos moi ben como gravar o son da montaña, e como lle dabamos esa dimensión máis política ó son. O tema de que Joel fora sonidista se foi concretando máis porque era unha forma de alegorizar a nosa presenza alí, que nos permitira permeabilizar os conflitos que estabamos vivindo e que os puidera pasar Joel, eu como director, a equipa enteira. Este sonidista aventureiro, era unha metáfora de todos nós. E logo, por outra parte o son funciona a moitos niveis, a nivel poético como profecía, que nos avisa do que vai suceder na dimensión visual, que é a que lle damos máis importancia, e que non nos permite ver ou detectar aquelas cousas que están desaparecendo, ese páxaro que deixa de cantar, eses ríos que xa non soan. Nos permitía traballar con esa dimensión poética, e logo está a antropolóxica. Aquí está a dialéctica de que Joel pode ser tildado como extractivista, porque vai a buscar eses derradeiros sons antes de que desapareza, para colonizar o seu, como un cazador de bolboretas. O son permitía dar moitas claves da propia narrativa do filme. E, o mesmo tempo, traballar cunha dimensión do non visible que permite conducir o filme dunha forma non tan prosaica. Traballar con ese canto de serea, desa melodía que escoita Joel, que é a imaxe que temos dos paraísos naturais, para que logo se transforme na melodía do fío musical dun centro comercial. O son é fundamental para que nos guíe.
![]()
Seica a meirande parte dos protagonistas de “Á procura da estrela” non tiñan experiencia actoral, aínda que todos eles, agás Joel, son parte da sociedade dese mundo rural da Serra da Estrela, ¿como atopaches a personaxes Joaquim Marvão, o derradeiro pastor transhumante do Gouveia? ¿é canto hai de improvisación e canto de guionizado en escenas como o do furancho de Folgosinho?
O encontro con Joaquim foi un dos máis importantes do filme, e tamén dos máis azarosos. Eu estaba na terceira localización, cun par de colegas, insistindo en que había que perderse polos camiños, e nunha desas un montón de cans comezaron a nos perseguir, e atopamos no medio da estrada a Joaquim e a Pedro, que é outro dos pastores, que sae na escena da capela. Foi un encontro como de far-west, ¿que facedes por aquí? Ídevos perder… intentamos alongar o momento, eles estaban coas ovellas, pastoreándoas, e pedinlle permiso para quitar algunha foto do rabaño. Eles estaban nun momento da transhumancia no que levaban ás ovellas para o alto do monte, convidáronnos a uns copos de viño na róulote que tiñan alí, pasamos ali media noite, nós comentámolles o noso proxecto, e quedamos como colegas. Ao tempo fíxenlles a oferta de participar no filme e eles accederon contentos.
Joaquim é un Bruce Willis total: el ten que escribir os diálogos, senón non funcionaba. E había escenas que dicíamos: as ovellas teñen que cruzar de dereita a esquerda, e el dicía que non, que tiña que ser de esquerda a dereita, a directora de fotografía di que o plano é máis bonito así, pero Joaquim insistía, e ó momento o tipo te dirixe a toda a equipa. E, o final, o cinema, que é algo tan invasivo, neste sentido estaba ben que pasara iso, e tiñamos que negociar, para acordar entre todos, e lograr esa naturalidade.
Con Pedro, que ten un personaxe máis ficcionado si que tivemos que ensaiar moito, pasamos moito tempo con el, traballando a relación. Eu gravaba os ensaios e logo dende alí traballaba o guión, co que el podía construír. E Pedro constrúe o personaxe ca idea de cando nos atopamos no camiño, e como que nos salvou, como fixo con Joel no filme.
No caso do furancho fixemos algo máis convencional, a partir de casting que fixemos na Serra da Estrela, e armamos un grupo de parroquianos, un deles dixo que quería facer de cura, porque foi botado do seminario cando era adolescente, e o integramos no filme. Con esta xente fixemos ensaios tamén, era unha parte máis controlada, porque estabamos nun interior.
![]()
A paisaxe -aquí hai que salientar o traballo de fotografía de Lucía C. Pan- é tamén un protagonista principal, esas montañas que cantan, a néboa, os antigos trilhos… ¿tamén quixeches darlle voz a ese ecosistema agreste pero fráxil, poñelo en valor, non no senso de explotalo, senón de conservalo?
Para nós a paisaxe e unha coprotagonista do filme, e fala tamén a través do son. Nós estabamos facendo un filme sobre o fin das paisaxes como o da Serra da Estrela, un pouco o fin do mundo. Quería que a paisaxe falara so filmándoa, e falou cando quixo, como o tema da néboa, que integramos cando apareceu. Formaba parte da dinámica narrativa. O tiñamos claro dende a curta, queríamos acercarnos a un lugar case descoñecido, e como é a nosa mirada cando chegamos a un lugar, e como é a mirada da xente dali, como Zé María, porque a paisaxe é a sua identidade, a súa bandeira. Queríamos que a paisaxe envolvera toda a película, como algo vivo. Esa foi a nosa brúxula.
Logo está a lenda do pastor e a estrela, que é un dos fíos condutores da historia, e que leva a Joel a unha viaxe onírica na que ten que enfrontarse a guerreiros medievais, atravesar xélidos lagos e, cando está no punto máis alto da serra, toparse coa triste realidade da turismo masivo, ¿foi difícil encaixar esta viaxe a través do tempo no guión para que funcionase?
Foi difícil encaixalo, pero era unha das cousas que quería que sucedera, sobretodo porque o tema do colapso medioambiental é bastante recorrente nos filmes da época na que foi rodado, e se falaba dende unha certa palestra documental, de reportaxe, ou de cinema de autor, moi críptico, feito dende arriba, e para min, creo que era importante que tivera un momento dunha certa cinefilia, que fale de como se contan as historias, e que vaia máis alén da queixa, que teña algo de fascinación cinematográfica, que poida cruzar tempos, que poidas falar na mesma historia de espellar os tempos.
Quería que o problema medioambiental se entendera abrindo as portas da maxia do cinema, poñendo tamén as miñas filias, e falar dende outra xanela diferente. Estamos rodeados de ficción todo o tempo, como o do centro comercial, os relatos poden contrapoñerse para loitar entre eles. No alto da Serra está esta mensaxe de consume, compra, que é o relato hexemónico agora. Por iso propoñemos un relato contra hexemónico. Nos facemos unha relectura, nos tempos de agora, coa idea de que se vexa ós artificios do filme facendo o filme. E unha parte do filme que é delicado, hai xente que non lle gusta, pero para nós ese toque case de humor, é importante, romper esa lóxica de documental, que lle da un extra a película.
![]()
Quería sinalar tamén outro elemento importante na película, a utilización do portugués e o galego como linguas irmás nas que se expresan os protagonistas. ¿Foi tan doada a comunicación como semella na película entre a equipa galega e a poboación da Serra da Estrela?
Supoño que iso pasa máis nas cidades, en Porto, Lisboa, pero alí, cando te topas á xente se saben castelán teñen vontade de falalo, pero non había moita xente que o falara, nós tirabamos moito do galego e nos facilitaba moito a comunicación, aínda que tamén estás no interior de Portugal, e teñen o seu propio acento, e teñen moitas palabras propias, e tiñas que afinar o oído. E un tema máis de vontade, de entendemento, e como moi rápido nos coñecían como os galegos que estaban facendo o filme, era moi doado, había vontade de entendernos.
Por último, gustaríame saber cal foi o recorrido da película, o seu paso por festivais, onde sei que logrou algún premio, e a resposta do público, en especial, do portugués, onde tamén foi proxectada “Á procura da estrela”.
O filme tivo unha estrea peninsular case simultánea, en Portugal, no Porto/Post/Doc Film, e no Festival Internacional de Cine de Gijón. Tivo máis recorrido, en Pontevedra, en Madrid, no Festival Rizoma, onde gañamos premio. Fixemos unha distribución pequena en salas, no Festival CineEco de Seia, onde o amosamos para a xente que fixo o filme, e tivo unha recepción moi interesante e xerou moita conversa. En Serra da Estrela tiñamos o partido gañado, e a xente estaba moi contenta, o único que foi critico foi Joaquim, “eu pensaba que ías mostrar este rio, este monte”, díxonos, pero era imposible de mostralo todo, a Serra da Estrela é un mundo. Propoñemos un discurso político a través dunha forma poética, narrativa, como un cine militante. Tamén viuse en Alemaña, en Arxentina… non tivo unha distribución grande, pero sigue tendo recorrido.
Se el primero en comentar