Begoña Caamaño e Uxía Senlle: dúas mulleres Indómitas na memoria do Mar de Vigo

Morgana abriunos a porta ó universo creativo e de sororidade de Begoña Caamaño, e deseguido apareceron “Circe e Penélope”, as protagonistas da revolucionaria impugnación á mitoloxía que fixo a escritora viguesa.

Por Angelo Nero | 2/06/2026

Achegámonos ó Auditorio Mar de Vigo, unha hora antes do anunciado Concerto das Letras, organizado polo Consello da Cultura Galega, no que a cantante de Sanguiñeda, Uxía, presentaría su fermoso proxecto «Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño», adicado á periodista, escritora e amiga, ó que este ano a RAG adicou o Día das Letras Galegas. Ben fixemos, porque aínda que tivemos sorte para aparcar á beira do edificio deseñado por César Portela, había unha marea de xente facendo unha longa ringleira que se espallaba pola rúa. Aínda demoramos un chisco en entrar é eu lembrei que non facía un mes que desfrutara da voz (e da compañía) de Uxía, no concerto (e despois) que dera no Rebullón co extremeño Luis Pastor e a canaria Lourdes Guerra. Dentro estaba o mundo enteiro, moita xente querida, Ramón Nicolás, Tatán, Berto Gonçalves e, como non, Beatriz Caamaño e a sua familia, tamén moitas autoridades, membros da RAG, do Consello da Cultura, concelleiros e alcalde de Vigo.

Despois de unha breve presentación da secretaria do CCG, lembrando a vida e obra de Begoña Caamaño, e tamén a de todas as mulleres indómitas, que foron resistencia, vangarda, que decidiron o seu camiño e o seu destino, saíu á escena Uxía Senlle baixo a fermosisima ilustración de Leandro Lamas, que nos repartiran nunha tarxeta de lembranza á entrada do concerto, e viu acompañada dunha bandaza composta polo acordeonista de Cedeira Santi Criberio, o percusionista de Mos Issac Palacín (ámbolos dous membros de Matto Congrio e Berrogüetto), o guitarrista de O Grove Rafa Otero, e a contrabaixista cubana Yudit Almeida (que acompaña habitualmente a Catuxa Salom e Antía Muíño).

Uxía convidounos a entrar no universo creativo e humano de Begoña Caamaño, una viaxe pola memoria, pola sororidade, a amizade e a forza de todas as mulleres indómitas e libres que abriron camiños de liberdade, de solidariedade e de resistencia.

Para o primeiro tema, tamén contou cun invitado de luxo, o violinista Quim Farinha (Fia Na Roca, Berrogüetto, Talabarte, Alo Django…). A canción que abriu o recital foi “Fada Morgana”: “Son a fada do lado escuro / fun druida, maga, feiticeira / Das tebras a benquerida / Das teima a fiandeira / Vou no enredo da desventura / Traio a maxia da namorada / E levo catro rosas negras / Na miña pel encarnada”, cantaba Uxía en clave de jazz, mentres na pantalla, como por arte de maxia, saía a primeira ilustración da coruñesa Viki Rivadulla, unha interpretación da protagonista do segundo libro de Begoña, que nos iría acompañando durante o concerto con unha fermosa e suxerente galería de imaxes.

Morgana abriunos a porta ó universo creativo e de sororidade de Begoña Caamaño, e deseguido apareceron “Circe e Penélope”, as protagonistas da revolucionaria impugnación á mitoloxía que fixo a escritora viguesa: “Tecemos o ceo co fío do amor / rachando e creando historias / non hai espera, nin medo, nin dor / hai cartas de luz, prazer azul”. Este é outro dos que, xunto co anterior, forman parte do disco-libro «Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño», que xa fervía por ter entre as mans, sen saber que, ademais este tema tiña o valor engadido de contar con Antía Ameixeiras na voz e o violín.

Este é un mundo de homes, no que nacer muller é sinónimo de ser portadora de desgrazas. Súas son as guerras e as vitorias, seu é o poder e súas as palabras. Por que habíamos ser tan necias de crer que o amor tampouco non lles pertence, e alí onde eles len conquista e dominio tiñamos nós que dicir afecto e coidado?”. Se aínda non te mergullaches nas páxinas de Circe ou de Morgana, estás a perder unha verdadeira revolución nas nosas letras.

Eu canto esta noite por ti / Ti fas preguntas / Eu podo facerte feliz / Ti fas preguntas / Preguntas que non poderás responder / se non amas a unha muller”, cantou Uxía de seguido, esa canción, “Quimera”, que cantou tantas veces co o home que a compuxo, o seu benquerido Fran Pérez, Narf, que a incluíu no álbum que editaron xuntos: “Baladas da Galiza Imaxinaria”. E imaxinamos unha Galiza con Narf, e con Begoña, e grazas as súas cancións e novelas seguen vivos en todos aos que lles navegas polas veas as súas melodías e letras rebeldes. A canción tamén contou cun solo do violín de Quim Farinha, que nos fixo revolvernos nas cadeiras.

Viu despois un dos momentos máis emocionantes da noite, para min, cando a de Sanguiñeda presentou a novas invitadas: a violonchelista Margarida Mariño e a cantante Su Garrido Pombo, que non víamos xuntas en escena dende que as coñecemos, fai xa dez anos, formando o dúo Treme. E da man de Margarida, de Uxía e de Su, máis tamén de Ana Romaní, autora da letra, entramos “Na casa das amigas”, esa casa da illa de Arousa onde partillaron tantas conversas, cancións e sorrisos con Begoña. “Na casa das amigas / unha luminosa ausencia / Prende na sombra e canta / Abre as fiestras entornadas / entra como o vento a luz / incendia esta dor / que anoa os nosos pasos polos cuartos”. Eu lembrei tamén tantas conversas cómplices con Su no Edra ou no bar de Femín, os patios de luz partillados, as curvas que levan á Abellás ou a Traspielas, o ronsel de concertos destes últimos anos.

Teño unha casiña branca / na Mariña entre os loureiros / teño amores, teño barcas / estou vivindo no ceo” di o “Alalá das Mariñas”, onde Uxía convidou a súa irmán, Raquel, que a acompañou á frauta, e cantou unha das cancións do seu repertorio máis recoñecible, que Begoña Caamaño mencionou na súa carta de despedida á cantante: “

Gostaríame morrer como no fermoso cadro de Leandro Lamas co que me agasallastes…facer unha festiña tranquila, poder vervos a todas e todos, despedirme de cada unha de vós, partillar un brinde pola vida, escoitarte por última vez cantar o Alalá das Mariñas e logo adormecer…sen dor, sen estertores, adurmiñarme repousando no peito de Etxaniz, ir notando como o sono me vence, como a túa voz soa cada vez máis baixiña no meu corazón, como os vosos sorrisos se van desdebuxando, perdendo as vosas individualidades ata se convertir nun sorriso único, cálido e amable coma o sol nun día de xuño… e xa non despertar máis.

Parecía que non podía emocionarnos máis, pero aínda quedaba moito concerto por diante, e semellaba que aínda quedaban moitas emocións por sentir, ver e, sobretodo, escoitar.

Novamente acompañada do violonchelo de Margarida Mariño, Uxía deu un volantazo cara a lusofonía, para cantar a capella Menino do bairro negro, o tema de Zeca Afonso que unhas semanas atrás cantara acompañada de Luis Pastor no Rebullón, nun concerto tamén inesquecible: “Menino sem condição / Irmão de todos os nus / Tira os olhos do chão / Vem ver a luz”. Uxía Senlle é unha referencia no de tender pontes cara os territorios cos que compartimos fala, a través da dirección de Cantos na Maré, Festival Internacional de la Lusofonía.

Do mar pola orela / mireina pasar / no frente unha estrela / no bico un cantar”, escribiulle Curros Enríquez a Rosalía, e Luís Emilio Batallán púxolle música, e Uxía interpretouna para o seu traballo “Rosalía pequeniña”, que foi prologado por Begoña. “No bico un cantar” fixo que o público coreara o estribillo, como se fora un mar de estrelas movidos pola marusía, a enerxía do común que nos a través da fala e da memoria, pobo.

Seguindo cos camiños da lusofonía, Uxía ofreceunos unha composición de Caetano Veloso e Gilberto Gil, “Desde que o samba é samba”, unha profunda crítica social, máis cargda de poesía, á desigualdade e ó racismo: “Solidão apavora / Tudo demorando em ser tão ruim / Mas alguma coisa acontece / No quando agora em mim / Cantando eu mando a tristeza embora.

Máis o carrusel de emocións semellaba non ter fin, e foi cando apareceu a cantante de soul e hip hop de Moaña, Wöyza, coa que lembraron a outra estrela fugaz desaparecida prematuramente do noso firmamento, Seila Esencia. A ela lle adicaron “As nosas cores”, na que foron acompañadas tamén por un grupo de nenas do CEIP de Petelos (Alba Alonso, Alba Lago, Adela, Ariana, Martina e Carla), unha canción que ten o arrecendo do vento salgado de Cabo Verde e da forza telúrica das matriarcas: “Labramos o mundo sen respiro / vimos do mesmo lugar / a lúa entoa un alalá”.

Volvemos ás nove ondas “Na casiña de Comboa”, ese refuxio das tormentas nas que tanto se compartiu, na que acompañaron tamén As Mosas, Chus e Ana Senlle, ós coros, unha canción que rezuma amor cara Begoña en cada un dos seus acordes, en cada unha das súas letras: “Amiga alba e felina / Grazas pola irreverencia / Teces amor e alegría / Desteces rutinas e queixas / Indómita / Insurxente / Feminista obstinada / Activista acérrima / coas mans trenzadas / Non sei non sei que tes / que pos o mundo ó revés”.

As irmáns Senlle continuaron no escenario para cantar “O carro” o poema musicado de Manuel María que é unha exaltación da nosa cultura tradicional e da identidade galega: “Non canta na Chá ninguén. / Por eso o meu carro canta. / Canta o seu eixo tan ben / que a señardade me espanta. / Non hai canto tan fermoso: / fino como un asubío. / Anque é, ás vegadas, saudoso, /faise, no ar, rechouchío.” Unha desas cantigas que aínda se escoitan nos furanchos e tabernas do país, como ben puiden comprobar na Baixiña, fai unhas semanas, con Tatán, Uxía, Luís Pastor, e Patricia e Alex, os Acordeireta.

Entrou en escena despois Malvela, as cantareiras de Sanguiñeda que levan xa un cuarto de século enriquecendo o noso patrimonio musical, ataviadas co seu vistoso vestiario, para volver homenaxear a escritora de Lavadores, con “Begoñísima”, una canción que celebra a vida, a rebeldía, a amizade e as loitas compartidas con Begoña Caamaño, que dicía: “É o tempo do feminismo: da xustiza, da igualdade, da dignidade, e por que non? Da felicidade”. A canción é unha desas que ten vocación de converterse nun tatuaxe no corazón: “Nas ondas do mar de Vigo / emerxe unha serea / nos teus brazos e abrigo / na túa fronte unha estrela / E nos camiños da vida / sementas mil amizades / vestidiña de cor lila / defendendo a igualdade.”

A Gotinha d´água”, con catro das irmáns Senlle sobre o escenario, foi o final do recital de Indómitas, unha nova ollada á lusofonía: “Debaixo da oliveira / Não se pode namorar / Porque a folha miudinha / Não deixa passar o ar”. Un tema que espallou melancolía a mans cheas por todo o auditorio do Mar de Vigo.

Para rematar, subiron a escena todos os participantes no concerto, agás o director musical, Pablo Nóvoa, que estaba fora, e con todo o público en pe, cantouse o himno galego, para rematar un deses concertos inesquecibles, no que Uxía fixo que Begoña nos habitara, que vivira a través das súas cancións, en todas nós.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.