A atención primaria está enferma

A irresponsabilidade política e o mal manexo na xestión da sanidade pública dende a Administración son factores de risco de morte para as galegas e galegos.

Por Eva López

Co galo da estrea  dun  novo centro de  saúde, un espazo moderno de último deseño ubicado no Saviñao,  o  noso presidente  da Xunta de Galiza, o Sr. Feijoó  alardeaba desde as súas redes sociais de poñer á disposición  da  cidadanía galega  unha  mellora na oferta sanitaria,  identificando esta mellora no marco da  Atención Primaria e da  sanidade  do rural.

Esquece o noso presidente que os centros de  saúde, sendo recursos materiais, precisan de profesionais para levar a cabo o seu cometido, xa que unha estrutura, por moi nova e innovadora que sexa, non cura  nin mellora a  calidade de vida dos pacientes enfermos se dentro dela non existe un persoal formado que desempeñe a súa función.

A paradoxa da sanidade galega atópase precisamente nese persoal que, na actualidade, dispón dunhas condicións laborais en estado ruinoso e sobre cal, nin o noso presidente nin o seu gabinete,  teñen pensado reparar, por moito que se lles pida.

O esbozo xeral da Atención Primaria galega expón que un 60%  dos  MIR  da última convocatoria  decidiron marchar da comunidade autónoma. As listas de contratación do persoal de Enfermería están esgotadas,  coa consecuencia de que o número de  enfermeiras  dispoñibles resulta visiblemente inferior en relación co volúmen de  traballo que  hai (a pandemia contribuíu a debilitar inda mais o gremio neste aspecto).  O  servizo de Pediatría que traballa desde Atención Primaria poderíase clasificar case coma atención sanitaria de  luxo. Son incontables os ambulatorios que durante este verán quedaron sen atención médica pediátrica, como en Malpica ou no Grove onde se chegaron a dar incluso movilizacións por parte da cidadanía. Na Illa e Ribadumia víronse obrigados de feito a compartir pediatra  xa que  levan  mais  dun ano esperando por algún  sustituto que cubra a  praza vacante.

Coa época estival case rematada, podemos facer reconto da  precariedade á que está sometida a  sanidade galega:  o centro de  saúde de  Baión  pechou durante agosto por falta de persoal facultativo.   O consultorio de Paradela,  non  concello de Meis,  tamén  pechaba,  o de Mosteiro está obsoleto,  os  veciños de Vilaxoán, por outro lado, téñense que desprazar a Vilagarcía  xa que  o consultorio do que dispoñían tamén  pechou.  O peche  do centro de  saúde de Parga é outro exemplo máis a engadir na lista negra de Primaria, todo esto sen contar coa retirada doutros servizos esenciais coma serían as ambulancias medicalizadas no Salnés así como ausencia directa delas noutros moitos municipios como Lobios, onde a coordinación atópase xestionada polo Grupo de Emerxencias Supramunicipais.

O Grove, pola contra, inda segue esperando  a  construción  dun  novo centro de saúde ademais dun aumento na contratación do persoal actual. En Mariñamansa, tódolos facultativos do centro de saúde fixeron prolongacións de xornada desde mediados de xullo ate finais de agosto debido á ausencia de sustitutos. 8 de cada 10  galegos esperan de media  catro días para recibir  unha consulta telemática en Atención Primaria. A ausencia de  rastrexadores  obriga  á  autoxestión dás corentenas. Con todo esto, un dos obxectivos a curto prazo marcado polos políticos para Atención Primaria é alcanzar uns valores de asistencia en persoa do 60%.

Tal  é o desaxuste da situación que, mentres o  Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra  denunciou polo penal  á Xunta de Galicia por “privar ós pacientes da asistencia decisiva para evitar riscos de gravedade”, o seu homólogo coruñés estuda  facer o mesmo. O colectivo  Enfermeiras  Eventuais en  Loita,  xunto  co BNG, ten presentada en Bruxelas unha demanda  na Comisión de  Peticións  do Parlamento Europeo  pola  precariedade laboral existente no gremio dentro do sector sanitario  galego, e as folgas realizadas polo colectivo son a día de hoxe incontables. Os sindicatos, por outra banda, esixen un aumento do 15% de persoal de primaria con carácter anual ata chegar ós valores adecuados.

E dirán vostedes, ¿Como é que os políticos non ven tan desesperanzador panorama? Quizais a resposta teña que ver con que os políticos só parecen entender de cartos, polo que deberiamos falar deles: no ano 2005 o gasto destinado á sanidade pola Xunta comprendía un 34,79% do total dos presupostos. Catorce anos mais tarde, no 2019, esa porcentaxe era un 0,24% menor. Non resulta sorpresivo que no ano da pandemia, destinaran o 34,77% é dicir, menos cartos que no 2005.

Para o ano 2021, Julio Comesaña, conselleiro de Sanidade, explicou con algarabía que xa non é preto dun 35% o destinado senón que subirán ó 40% do total. Mais non só iso, xa que na partida orzamentaria para rehabilitación ou adecuación de centros de Atención Primaria, a consellería de Sanidade aumentará o seu gasto un 108%, pasando de 26 a case 55 millóns de euros. O interesante desta festa numérica é destacar que a expansión que experimentan os  Orzamentos para o 2021 obedece sobre todo ós ingresos que computan de xeito extraordinario. A Xunta calcula que recibirá 1.115 millóns de euros en axudas dos fondos de reactivación creados tras a pandemia (685 millóns proceden do Estado e outros 430 da Unión Europea).

Así coma un día vemos destinarse millóns de euros en proxectos de reformas e novas construcións o outro asistimos abraiados á lectura das noticias que cobren actos pomposos que se dan no nome da Sanidade ós que só asisten coma invitados aqueles que se atopan dentro das altas esferas políticas, eventos cheos de garabatas, apertóns de mans e sorrisos nos que uns poucos deciden o futuro dunha sanidade que abarca a mais de 2,5 millóns de galegos .

Quen pertence a esta gran familia sanitaria ben sabe que non existen bonos, rotondas  ou  palmadas nas costas que merquen os  bós  coidados prestados, o suor das nosas frontes nin as bágoas que moitos botamos nos peores momentos da pandemia. A irresponsabilidade política e o mal manexo na xestión da sanidade pública dende a Administración son factores de risco de morte para as galegas e galegos.

O que necesitamos é sinxelo, chámase dignidade laboral.

Non  hai  mellor  recoñecemento posible para un persoal farto, enfermo e canso que  unhas  condicións  nas que prime a contratación de persoal novo en condicións de  estabilidade e cun salario equiparado ó resto das comunidades autónomas.

A honra e as medallas non serven para atender pacientes, prolongar ou dobrar turnos nin encher os nosos estómagos. Os centros de saúde de nova construción non serven sen xente dentro que traballe. A sanidade pública, xunto cos seus traballadores, non se mercan con agasallos baratos, deféndese con afouteza e perseveranza .

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.