As asociacións de memoria piden á Fundación Curros que non acolla actos de branquexamento falanxista

Na imaxe: Banquete da Falange en honra de Montes (sentado no centro) en febreiro de 1935, con José Antonio Primo de Rivera (á súa dereita) e Rafael Sánchez Mazas (á esquerda).

Denuncian a presentación dun libro, prevista para o día 22, como unha «operación propandística» que deturpa historia, dilúe as responsabilidades e supón unha segunda vitimización das vítimas

Polos Comités de Memoria Histórica da Comarca de Celanova do Val do Límia

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Comité de Memoria Histórica do Val do Límia opoñense rotundamente a calquera forma de branquexamento dos represores e cadros falanxistas que foron parte do aparato que tomou o poder tralo golpe de Estado e a guerra, apoiados polos gobernos nazi alemán e fascista italiano, e que someteron ao país a unha ditadura de corenta anos de terror e sangue.

Consideramos que non é labor dunha Fundación que leva o nome de Curros Enríquez e representa ao Concello de Celanova participar desta operación de branquexamento dunha destacada figura do réxime franquista.

Solicitamos dos patronos da Fundación unha reflexión sobre o uso da institución como escaparate deste tipo de operacións propagandísticas do negacionismo, que deturpan historia, dilúen as responsabilidades e supoñen unha segunda vitimización das vítimas.

As políticas de recuperación de memoria histórica no Estado español que tanto custou levantar, e que se inspiran no mandato da ONU de promover a verdade, a xustiza e a reparación das vítimas, estanse a ver socavadas desde posicións de ultradereita que espallan discursos de odio e ocultación da verdade histórica co fin de negar as vítimas os seus dereitos e negar as responsabilidades dos vitimarios e dos ideólogos dos vitimarios. A Fundación Curros Enríquez e os seus patronos non deberían consetir que se utilice a súa palestra para actuacións contrarias á lexislación de memoria e a protección que os Dereitos Humanos ofrecen ás vítimas.

O Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova veñen denunciando que o libro de Manuel Rivero é contrario á Lei estatal de Memoria Democrática de 2022, que xa no seu preámbulo fai un chamado a «desterrar cualquier forma de exaltación de la Dictadura en el espacio público». E que no seu artigo 35 fai mención expresa aos símbolos de exaltación «personal o colectiva, de la sublevación militar y de la Dictadura, de sus dirigentes, participantes en el sistema represivo o de las organizaciones que sustentaron la dictadura».

E no artigo 38 define como «actos públicos contrarios a la memoria democrática», actos realizados en público «que entrañen descrédito, menosprecio o humillación de las víctimas o de sus familiares» -a revictimización-, ou supoñan a «exaltación personal o colectiva, de la sublevación militar, de la Guerra o de la Dictadura, de sus dirigentes, participantes en el sistema represivo o de las organizaciones que sustentaron al régimen dictatorial». A todas luces, o libro de Manuel Rivero, Eugenio Montes, o intelectual silenciado, é un artefacto de branquexamento dunha figura sobranceira do réxime franquista e do falanxismo e constitúe un acto de exaltación da ideoloxía do odio e da violencia.

Bande, Celanova, 17 de xuño de 2024.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.