Almodóvar, Moncho Reboiras e o dereito a chorar ós nosos mortos

O réxime franquista non os escolleu ó chou, simplemente por infundir o terror, non matou a centos de miles de españois pola súa bondade, matounos porque eran Antifascistas.

Por Angelo Nero

“A memoria histórica é un tema pendente na sociedade española, que ten unha débeda moral enorme coas familias dos desaparecidos”, declarou Pedro Almodóvar na inauguración do Festival de Cine de Venecia, onde presentou a súa última película, “Madres Paralelas”. Estas declaracións do director manchego fixéronme reflexionar sobre un debate aberto, aínda que penso que non coa suficiente profundidade –hai que seguir cavan coa culler, como dicía o meu querido Chato Galante- no movemento memorialista, sobre algúns dos piares fundamentais sobre os que se ergueu: a reclamación desa débeda, e a memoria das familias.

Respecto ó primeiro sinalarei que, na miña humilde opinión, a débeda non a ten a sociedade española, que bastante endebedada está co rescate dos bancos e co espolio das eléctricas, se non o estado español, como continuador –non esquezamos que aquí non houbo ruptura, senón transición, “de lei a lei”- do réxime franquista. E para mostra só hai que botar contas de cantos xuíces franquistas foron apartados dos tribunais, cantos funcionarios franquistas foron depurados, e cantos militares e policías franquistas foron xulgados polos seus crimes durante a ditadura, por non falar da continuidade na xefatura do estado, ocupada polo sucesor designado polo mesmiño Franco.

Ao estado, e non á sociedade que sufre continuamente recortes tamén en dereitos e liberdades, é a quen hai que reclamarlle esta débeda, que non debe ser só moral, senón tamén económica, para resarcir ós que, no nome dese estado, foron obxecto de espolio, e xudicial, comezando por anular todos os xuízos políticos da ditadura, polos que moitos españois sufriron anos de prisión, con torturas e vexacións inimaxinables, e polos que moitos tamén foron executados.

En canto á segunda cuestión, e dende o meu maior respecto ás familias dos que sufriron a cadea, as torturas ou a morte a mans dos esbirros da ditadura, quero dicir que, como non podía ser doutro xeito, recoñezo o dereito de cada familia a chorar ós seus mortos, e a invocar as súas bondades e a inxustiza da que foron obxecto, pero creo que debemos de rachar con ese discurso do bonismo: eles eran inocentes, non fixeran nada…

O réxime franquista non os escolleu ó chou, simplemente por infundir o terror, non matou a centos de miles de españois pola súa bondade, matounos porque eran Antifascistas, porque aqueles homes e mulleres (elas, que seguen sendo, en moitos casos, vítimas invisibles) eran os que podía dar a batalla ó fascismo. Do mesmo xeito, sinalar que Memoria Antifascista non lles pertence ás familias, senón a toda esa sociedade que invoca Almodóvar.

“A Lei de Zapatero foi moi incompleta, sen dotación económica. Creo que España, despois de 85 anos, precisa pechar esa ferida”, declarou o director en Venecia, quizás coa esperanza de que a nova Lei de Memoria Democrática veña a pechar esas feridas abertas, pero nin tan sequera os sectores máis lenes do movemento memorialista o cren. Sen a derrogación da Lei de Amnistía, que é en realidade unha lei de punto final, creada para pecharlle as portas a calquera responsabilidade penal sobre os crimes da ditadura, non é posible que falemos en serio de pechar ningunha ferida.

Nin tan sequera coa apertura das fosas e coa recuperación dos restos das vítimas se está actuando, ó meu entender, de forma correcta, e aínda que exista unha implicación económica das administracións, que non sempre é o caso, estas seguirán sendo un acto –importante e preciso- privado, circunscrito ás familias e os colectivos que promoven as escavacións, cando o que deberían é realizarse baixo a supervisión dun xuíz, en representación do estado, para que abrira unha investigación sobre os crimes cometidos, pois ó ser estes de lesa humanidade, non prescriben.

Outro dos temas que me ven preocupando ó respecto da Memoria, que temos que chamar sempre Antifascista, porque se non estamos falando doutra cousa, é a campaña orquestrada pola ultradereita contra os lugares onde honramos ós nosos mártires, ós lugares onde foron encadeados, onde caeron en combate, ou onde foron asasinados polo fascismo.

Alcumados pola prensa canalla, no mellor dos casos, como “vandalismo”, só na Galiza rexistráronse, nos últimos anos, graves ataques contra os lugares da Memoria, como o recente roubo da placa dedicada a Manuel Otero, combatente republicano morto no desembarco de Normandía, en O Freixo; o ataque ó monumento en A Volta da Moura, dedicado ós últimos defensores da República, en Tui; ó dos Mártires do Anguieiro, en Cangas do Morrazo…

En Vigo, na cidade dende as que escribo estas liñas, tamén foron “vandalizados”, os monumentos antifascistas de Puxeiros, O Calvario e As Fontes, e agora ese fascismo 2.= quere seguir mostrando o seu músculo nas nosas rúas, atacando calquera tipo de propaganda nacionalista, feminista ou, simplemente, de esquerdas, como ven denunciando repetidamente o colectivo Vigo Antifascista, creado fai un ano ante a ameaza da ultradereita que xa se manifestou nas bancadas do parlamento español.

Tamén denunciaron, estas últimas semanas, ó ataque do que foi obxecto o mural feminista onde se rende homenaxe a sete pioneiras, entre as que se atopan Urania Mella, presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas; Rosario Hernández, A Calesa, violada, torturada e asasinada por falanxistas; ou a mestra, periodista e guerrilleira Placeres Castellanos. Isto engádese ó ataque que sufriu ó mural de homenaxe a Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista en 1975, no barrio de Teis, onde residía o histórico dirixente da UPG.

É urxente que toda a sociedade actúe contra a ameaza deste fascismo que xa campa ás súas anchas polas nosas rúas, con total impunidade, ante a inanición dun estado que segue sen recoñecer ás vítimas do franquismo, e tamén, non convén esquecelas, ás da transición, que se contan por centos, e que sufriron o terrorismo más atroz, o do estado.


Artigo publicado en NR o 11/09/2021.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.