Acordeireta: ‘Mostrar indiferenza e ser ignorantes do noso pasado lévanos a cometer os mesmos erros e a ser cómplices do sistema’

Entrevistamos a Acordeireta, duo composto por Patricia González e Alejandro Balbuena, que veñen de presentar o seu segundo traballo ‘Baixo os remendos, nós’.

Por Angelo Nero | 6/06/2026

En 2020, a pandereteira Patricia González e o acordeonista Alejandro Balbuena, sacaban á luz o seu proxecto Acordeireta, co seu disco “Loitar Cantado”, toda una revolta na música tradicional, na que se mestura a festa e a loita. Cinco anos despois, coas mesmas ganas de festexar e de loitar, o dúo agasállanos con “Baixo os remendos, nós”, un disco que afonda nun son particular, e cunha narrativa que anima a coser os problemas cotiás cunha música que anima a mover os pes e a erguer os puños. Conversamos novamente con eles, para que nos falen da súa proposta musical.

No fermoso tema que abre o disco, “Mendo sobre remendo”, escoitase o son dunha máquina de costura, ¿é esta unha reivindicación da vosa filosofía de coser e cantar?

É unha reivindicación do oficio das costureiras e tamén das eivas e remendos da vida, sexan de saúde física, mental e toda clase de dificultades sociais ás que nos enfrontamos cada día.

Tivemos a sorte de que este poema nolo escribira o poeta labrego Paco Ledo (Garabelos, Chantada) que, xunto con César Freiría (Cé orquestra pantasma) compuxeron a música. Co verso deste poema “Baixo os remendos, nós”, demos nome ó noso segundo disco.

Como no traballo anterior, empregades versos de poetas como Rosalía de Castro, Manuel María, ou Xela Arias, ¿pensades que a poesía, aínda que fora escrita hai moitos anos, segue sendo un arma cargada de futuro?

Si, de feito recorremos á poesía galega porque as cancións que nos gustaban no Cancioneiro galego, ou ben non estaban vixentes ou ben inclúen mensaxes machistas non acordes ós tempos actuais.

Luz Fandiño foi a persoa coa que mellor entendemos a forza da poesía. Díxonos que a poesía e a música van xunguidas da man, como a noite e o día, como a vida e a morte.

Precisamente cunha poeta, Xela Arias, reivindicades a nosa lingua co seu  ‘Monólogo adicto’: “Xa non teño fala. / Despois de recorta-los verbos quedei sen lingua / á que atender.” ¿Segue sendo preciso defender a trincheira da nosa lingua dende a música?

Por suposto que é preciso defender a nosa lingua dende onde faga falta. Nos colexios estamos notando o cambio de que antes o galego falábase máis no patio que nas aulas e agora fálase máis nas aulas que no patio, como se fose unha materia máis.

É certo que agora hai unha gran diversidade e nova fornada de grupos de música en galego, cos novos estilos e tendencias que atraen a moita mocidade, incluso na música e baile tradicionais. Aínda así, cando presenciamos estes encontros, vemos que a vía de comunicación principal non é o galego. Nin sequera en moitxs dxs mestrxs que imparten as aulas de música, canto e baile tradicional galego.

No disco hai polcas, muñeiras, xotas e rumbas, ritmos do noso folclore que animan ó baile, ¿nos vosos concertos vedes que a mocidade segue mantendo os nosos bailes tradicionais ou é algo que se está perdendo?

Préstanos moito sobretodo cando bailan unha muiñeira, unha xota ou calquera dos ritmos que tocamos sendo da nosa composición e con letras reivindicativas de actualidade. Cremos que cada vez baila máis xente, sobretodo o baile solto está como máis de moda, o agarrado custa un pouco máis, non sabemos se aquí a pandemia tamén fixo estragos. Incluso notamos que os bailes soltos se bailan a maior distancia da parella. Quizais o que se está perdendo é o xeito e a forma de dialogar coa parella a través da expresión corporal, buscando esa picardía, complicidade, improvisación… e non sexa todo técnica ou movementos ríxidos e mecánicos.

Como din xs vellxs: “fáltalle o aquel”

Tamén hai unha ‘Lembranza a Alexandre Bóveda’, un dos nosos mártires daquela longa noite de pedra, con versos de Manuel María: «Ouh, Alexandre Bóveda, meu irmao, / pai desta patria triste, escura. / ¡Invoco a Rosalía, a Castelao…! / ¡Nomeo a vida túa, noble e pura! / Ouh, Alexandre Bóveda, semente, / colleita fiel de lealdade: / ¡se vive Galiza e a súa xente / a túa morte non pode ser verdade!». No medio desta festa que é “Baixo os remendos, nós”, ¿hai que procurar tamén o momento para a nosa Memoria, para lembrar aqueles que loitaron (e morreron) pola nosa terra?

Pensamos que mostrar indiferenza e ser ignorantes do noso pasado lévanos a cometer os mesmos erros e a ser cómplices dun sistema de globalización, capitalista e imperialista cada vez máis deshumanizado. Non ven mal lembrar que Alexandre Bóveda foi torturado e fusilado por ter uns ideais contrarios ó réxime do fascismo. Entre outras, impulsou o Partido Galeguista, a banca pública e axudou a redactar o primeiro Estatuto de autonomía de Galiza.

Non podía faltar a vosa madriña, a poeta Luz Fandiño, que pon a súa voz en ‘Soidá’, da que se cumpre agora dous anos da súa desaparición, ¿cumpre seguir reivindicando a mulleres como Luz que traballaron arreo pola nosa cultura, dende fóra do mundo académico, e non sempre son recoñecidas?

Luz Fandiño nunca pode faltar porque marcou moito o noso xeito de entender a vida, a poesía e a música. O xeito en que se nos puñan os pelos de punta o escoitar recitar os seus versos cheos de flores e de espiñas, era algo incrible e facía xurdir en nós esa necesidade de musicar moitos dos seus poemas, porque era a hostia en verso (como ela dicía). Luz sempre estaba rodeada de xente moi nova e creou unha enorme tribo que a recordará sempre. Nós vivimos os últimos anos da súa vida de maneira moi intensa e sempre que podiamos a levabamos con nós. A súa voz que se escoita no poema de “Soidá” foi gravada por nós unha noite cando a deixabamos na súa casa. Foi quizais o poema que máis nos recitou porque a pesar da súa enorme valentía, rebeldía e resistencia, aterráballe a soidade, lembrando aqueles anos cando tivera que marchar a Arxentina sendo ben moza.

Estamos segurxs que a nosa madriña, algún ano será homenaxeada nas letras galegas e ogallá, nós esteamos presentes.

‘Gañemos a liberdade’ é un dos temas máis comprometidos do voso disco, ¿como xurde este tema, onde hai unha homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, a quen se lle adicou o día das Letras Galegas en 2022?

Florencio naceu en Córgomo, concello de Vilamartín de Valdeorras e en Vilamartín é onde tamén Álex ten as súas raíces maternas, polo que este autor tamén significa algo moi especial. Comezamos a ler os seus poemas a través do Cancioneiro da loita galega e enseguida puidemos vibrar coas súas letras combativas e irreverentes que o levaran a exiliarse a México. Decidimos musicar este poema por seguir en plena vixencia onde se denuncia todo tipo de ditaduras, sexan as do fascismo, militares, da igrexa, do diñeiro e as dos altos empresarios. Foi moi bonito participar no acto oficial da súa homenaxe das letras galegas en Córgomo, onde saíron a bailar as súas fillas mentres tocabamos.

E obrigado salientar o fermoso vídeo que fixo Acordeireta con motivo do 25N, día internacional da eliminación da violencia contra a muller, ¿como nace ese ‘Canto de Esperanza’, tamén incluído no voso segundo disco, e como foi a gravación deste traballo audiovisual?

No noso disco tampouco podía faltar a reivindicación da loita feminista. Estas melodías ensinoullas Toniño (Treixadura) a Patri nos seus inicios de clases de pandeireta, co grupo Andarela, no barrio de O Calvario en Vigo. A letra tiña un contido moi machista polo que lle pedimos a escritora Raquel Castro (Alxén) que nos botase unha man e escribira uns novos versos pola defensa e loita da muller. A música e letra tan poderosa engrandeceuse coa colaboración das pandeireteiras amigas do grupo “A Buxaina” (Coruxo, Vigo) e decidimos rodar un videoclip coa gran Paula Pez, como realizadora e directora. O momento idóneo para a estrea do videoclip foi o 25N para poder lanzar así a nosa mensaxe contra o feminicidio do que estamos tan fartas nos tempos que vivimos. NIN UNHA MENOS! VIVAS NOS QUEREMOS!

Para celebrar o día das nosas letras, este ano tamén nos agasallastes cunha sorpresa…

Para a celebración das letras galegas de este 2026, homenaxeamos á nosa veciña de Vigo, Begoña Caamaño e compuxemos música e letra dunha muiñeira que nos encanta como quedou. Enviámoslla a moitos colexios e tivemos unhas experiencias moi bonitas e emocionantes o ver e escoitar a centos de nenxs cantando esta canción, de forma presencial e tamén a través de vídeos que nos enviaron. Tamén tivemos o pracer de estar en distintos actos coa súa irmá Bea Caamaño, a cal lle debemos unha enorme admiración, cariño e respecto. Como dí o retrouso:

Que o teu sorriso, nunca se apague

e as túas verbas nos acompañen

muller valente, muller de maio

AGORA E SEMPRE, BEGOÑA CAAMAÑO

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.