A perversa semente da Guerra

O que na crise do 2008 foran beneficios no sector financieiro ao comezo pandémico da década fórono nas Big Tech e farmacéuticas, e hoxe sono na industria armamentística. Os fíos que moven a roda do Gran Casino gañan sempre, poñan onde poñan os ovos

Por Millán Fernández

Nestes dous extensos artigos pretendo ir debullando resumidamente unha cronoloxía interpretativa dos feitos que levaron á traxedia ucraína e a atopármonos diante duns momentos potencialmente lúgubres. Con “A perversa semente da Guerra” (1ª entrega) e “Como destruír un estado e a paz mundial” (2ª entrega) expoño tamén a necesidade de que as maiorías sociais nos activemos na contra dun proceso encamiñado á unha nova destrución da Paz no conxunto do continente europeo.

Unha contextualización

I

Oitenta anos despois da Segunda Guerra Mundial tanques xermanos da Bundeswehr envíanse ás fronteiras orientais empregando a mesma simboloxía-Balkenkreuz guiados por similares intereses últimos: o expansionismo (catorce estados cara o leste desde a reunificación) desa organización político-militar atlantista auto-denominada defensiva, o atávico odio das elites occidentais a Rusia e a súa cobizada mais utópica, por contumazmente fracasada, descomposición e saqueo: un proxecto ambicionado en distintas épocas baixo diferentes réximes aquén e alén dos Urais. Cando menos a procura do seu severo devalo como restablecida (Rafael Poch, 2019) potencia mundial coa ollada posta na confrontación seguinte, proxectada na República Popular China vía Taiwán. Calquera das intencións supón unha temeridade inda que a primeira sería un delirio suicida e unha pesada lápida sobre o que un día foi «o soño europeo». A última vez (1939-1945) non resultou nada ben e nese suposto, en principio inverosímil, sería devastador. A actual Federación de Rusia non é a dos anos 90 do século pasado nin tampouco é Iugoslavia, Libia, Siria, Iraq ou Afganistán, potencias intermedias desactivadas lonxe do Atlántico Norte pola alianza defensiva.

O envío de carros de combate e armamento pesado (obsoleto) é un chanzo máis transitando a corda frouxa pola que se moven as relacións internacionais nos últimos tempos. Especialmente desde que se decidiu a violación ilegal, por contraria ao dereito internacional público (precedida de advertencias e violacións de promesas e acordos bilaterais-multilaterais entre membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU que levaron a fortes controversias xurídico-políticas e diplomáticas nos últimos lustros) da soberanía do estado ucraíno polo exército ruso, cumprindo ordes do seu presidente e alto mando militar e intervindo directamente dese xeito brutal no conflito concorrente na zona agravado desde 2014: a chamada «Operación Militar Especial» (declaración de guerra non-formalizada) conta con particularidades en todas as vertentes: polos obxectivos inicialmente declarados, pola composición da poboación afectada na situación xeográfica concreta que implicaría cuestións operativas específicas no plano político-militar e pola súa dimensión xeo-económica. Con iste panorama aumentan os riscos dunha conflagración total ou as dun enquistamento catastrófico equiparable ao da Primeira Guerra Mundial ao considerar os (co)belixerantes que o tempo corre da súa parte. Como pouco, unha sorte de escenario sirio. Outra opción plausible sería que unha gran ofensiva rusa acadase os obxectivos nos vindeiros meses. Non se albisca viable unha restitución da integridade soberana ucraína nas fronteiras internacionalmente recoñecidas e un posible descontrol na súa dilatación, extensión e intensidade parte do feito incontrovertible de que os promotores principais deste conflito de conflitos longamente aboado atópanse fisicamente lonxe, contando cun océano de separación, cando as hostilidades se dirimen nun continente susceptible de converterse nun xigantesco campo de batalla e camposanto.

II

O paradigma mudou cando o militarismo traído a cabalo do combate contra un virus trocou belicismo rampante: o que na crise do 2008 foran beneficios no sector financieiro ao comezo pandémico da década fórono nas Big Tech e farmacéuticas, e hoxe sono na industria armamentística. Os fíos que moven a roda do Gran Casino gañan sempre, poñan onde poñan os ovos. O maior dos fracasos e crimes forma parte da paisaxe próxima e condiciona a vida de Europa como outras guerras cronificadas o fan sobre a vida cotiá de millóns de seres humanos noutras latitudes e en rexións enteiras dun planeta maltratado: Palestina, Sahara Occidental, Somalia, Etiopía e boa parte de África, Siria, Birmania, Iemen…

Veu pra quedar, adoptando forma de multi-dimensional guerra híbrida e dunha sorte de Segunda Guerra Fría onde a carreira armamentística imperante apunta irreversible. Voceiros occidentalistas chaman a transitar cara “economías de guerra” logo de sinalar doutrinalmente (novo concepto estratéxico da OTAN saído do Cumio de Madrid) a China e a Rusia como principais «rivais» e “ameazas” xeopolíticas: a pugna pola influencia en rexións enteiras volta ser realidade constatable do Sahel e Centroáfrica a Latinoamérica, e de Oriente Medio a Asia-Pacífico. Xoga un importantísimo papel a militarización dos mass media e a «liberalísima” censura como extensión dunha guerra cognitiva des-informativa en tempos de algorítmica posverdade: turbopropaganda invasiva con recendo macartista deseñada e financiada polos servizos de intelixencia e as embaixadas norteamericanas (caso NAFO) e consumida a granel como comida rápida alienante. Difícil atopar fontes independentes: “demasiados pensando a Guerra, e demasiado poucos pensando na Paz” sentenciou o Presidente Lula da Silva, coa sospeita de que a maioría social amosa entre incredulidade e indolencia diante dunha ameaza crítica.

Nada que teña a ver coa defensa dos «valores democráticos» é o que está na mesa. Tampouco hai relación cunha suposta “orde xusta, baseada en regras»; ben ao contrario, foron inxustamente violentadas á mantenta mediante subterfuxios de toda índole nos catro puntos cardinais polos mesmos centros decisorios que as esgrimen agora como Táboas da Lei. E a praxe consuetudinaria amosa que o (in)cumprimento da legalidade internacional non é unha cuestión de carácter axiolóxico se non de forza; relativa ao poder. Son cínicos intereses os que a inspiraron e inspiran.

III

As tensións inter-estatais e dalgúns estados con entidades sub-estatais abrollan como fungos en latentes conflitos focalizados de alcance rexional (Irán-Israel, Armenia-Azerbaiyán, Serbia-Kosovo, Marrocos-Arxelia, Turquía) ou noutros reactivados de potencial alcance continental ou planetario (Corea/s-Xapón) condicionados polo marco xeral; un «Occidente contra todos» que divide o teatro de operacións entre «democracias» e «autocracias» en función dun único criterio: servir ou non aos supremos intereses depredadores do Capitalismo Global homoxenizador en ínterin des-globalizador, producíndose ademais un pulso entre a tradicional visión competitiva de ambición unipolar e un enfoque multipolar-multilateralista baseado idealmente no respecto mutuo entre civilizacións (informado pola non-inxerencia) e nunha gobernanza dos problemas centrada na cooperación sobre as urxencias: redución da pobreza e as desigualdades, drásticas mudanzas climáticas aceleradas pola acción humana, transición á era de redución do consumo de combustibles fósiles, retos científico-tecnolóxicos…

A indulxencia coas «autocracias» cumpridoras tradúcese en prebendas e magnanimidade, de Marrocos a Arabia Saudita ou aos Emiratos Árabes Unidos. Ás designadas co dedo acusador como “tiranías” e a representación do Mal na Terra, habitualmente inzadas de grandes riquezas naturais, correspóndenlles os máis desapiadados castigos en forma de sancións económicas, chantaxe desestabilizador ou espolio e destrución. A Policía Global actúa democraticamente no nome da Liberdade prostituída, inda que deixe detrás un regueiro de morte e fanatismo por xeracións. Cuba e o seu pobo, por exemplo, sofren un criminal embargo contrario á legalidade internacional desde fai 61 anos, condenado reiteradamente por todos os estados da terra na ONU agás polos de Israel, USA e precisamente Ucraína ou, ás veces, calquera outro ao servizo dos dous primeiros.

A Federación de Rusia e a República Popular China son obxectivos a bater polo neocolonialismo das potencias occidentais hoxe ferreamente disciplinadas polos declinantes mais rearmados moralmente Estados Unidos de Norteamérica, dispostos a contestar a rivalidade que lle presentan aquelas en todos os ámbitos (influencia política, tecnolóxica, militar, científica, económico-comercial, demográfica…) co fin de manter a flagrante impunidade e dominio sobre «a comunidade internacional». Foron décadas de guerras permanentes e o escenario presente certifica o esgotamento do curto período posterior á vergoñenta retirada (Prashad&Chomsky, 2022) estratéxica tralas aventuras libia, afgá e iraquí, encadradas no esquema dunha War on Terror causante de máis dun millón de vítimas e violacións de dereitos de toda caste. Regresa, renovada, a paternalista e criminal doutrina Monroe: do Perú á perenne desestabilización brasileira como núcleo rexional e pata esencial dos BRICS+ (Brasil, Rusia, India, China, Sudáfrica…)

IV

A UE deserta gravemente dos seus principios fundacionais e razón de ser orixinaria: favorecer o mantemento da Paz tralas dúas guerras mundiais. Sendo así, mimetízase como nunca antes coas directrices do brazo armado da política exterior estadounidense, que fai sempre as guerras no nome da paz usando a doutrina do shock, véndose absurdamente empurrada a repetir desastres parellos aos da primeira metade do século XX (Boaventura de Sousa, 2023). Desta volta guiada polo perverso revisionismo histórico que racha sen retorno o consenso antifascista e cegada por teses maximalistas (destruír, derrotar a Rusia, etc) veladas ou explícitas que contaminan o espazo público, proferidas desde institucións democráticas. Os pais-pensadores federalistas da nacente Comunidade Europea (Spinelli, Jean Monnet…) nunca aprobarían que os futuros intentos de ampliación se fundamentasen librando guerras fóra das súas fronteiras. Nesa ontolóxica “traizón espiritual» é testemuña impasible de actos de piratería-terrorismo estatal nas súas augas territoriais cara os propios intereses enerxéticos perpetrados «supostamente» por supostos socios-aliados (Nord Stream 2), e no interese de europeizar Ucraína camiña na súa ucrainización: países bálticos, Hungría, Polonia ou Italia, en distintos graos, presentan síntomas de contaxio. Pero a metástase afecta independentemente da impronta dos gobernos, sexa liberal (Francia), socialdemócrata (Reino de España), conservadora (Reino Unido) ou ultra-nacionalista (Polonia). Prima entre a gris burocracia da UE unha irreflexiva Razón Superior: unha sorte de neo-totalitarismo vernizado de liberación, «solidariedade» selectiva co agredido, defensa dun modelo de vida…sen lugar ao matiz. Cuestionar o simplista e simplificador enfoque oficial tórnate culpable, conivente co «agresor» ou axente de Moscova como proxección dunha fronte interna da guerra na procura de chibos expiatorios. Nada novo na Historia europea desde 1917, e outra manifestación perversa da perversa semente da guerra.

Inmersa nun mar de (auto)sancións que socavan as bases industriais das súas economías centrais, e que prometían rapidamente derrocar a Putin (como se iso resolvese algo verdadeiramente substancial), anúnciase maior precarización de millóns de traballadores que se manifestan en crecentes protestas e folgas da Franza ao Reino Unido. Aberrante papel o do diplomático Borrell no último ano: belicismo, colonialismo, racismo e ataques constantes aos fundamentos democráticos e “valores europeos”, deixando alfaias como que «prohibir los medios de comunicación rusos es una defensa de la libertad de expresión», «Europa es un jardín que debemos cuidar (…) pero los jardineros debemos ir a la jungla…» e outras sentenzas similares que o inhabilitarían de por vida se houbese un mínimo de decencia política no florido xardín do Moroccogate e o Qatargate.

V

Nesta etapa, no entanto, o ferido imperialismo norteamericano reviste de valores universalistas e virtuosos («progresistas») as súas ambicións estratéxicas, que non son outras que manter a hexemonía custe o que custe. Nas súas redes discursivas caeron boa parte das esquerdas oficiais, entregadas ao argumentario tecido polos think tanks dos neoconservadores que inflúen nos “falcóns” do Partido Demócrata e o deep state estadounidense, configurando un Partido da Guerra transversal: intensamente a socialdemocracia e os sedicentes “partidos verdes» (hai algo máis eco-fascista e anti-ecolóxico ca alimentar a Guerra?), mais tamén algúns representantes das novas esquerdas postcomunistas abrazando retórica e marco belicista, sen desviarse de accións gubernamentais que nin pasan o filtro do debate nas cámaras de representantes depositarias da vontade popular. Nin ápice de autonomía e nula aposta polos principios do diálogo e da resolución pacífica dos conflitos. Non acontece así con todas as esquerdas periféricas nin as doutras partes do mundo, algunhas delas gobernantes: Croacia, Colombia, Brasil, Arxentina… manteñen posicións mesuradas e neutrais. As esquerdas sociais, en xeral desnortadas, non atopan referentes nin o catalizador dunha reacción colectiva oposta á escalada bélica, a crise enerxética e de prezos ou o pago dos esforzos (hipotecas, préstamos, combustibles/inflación, sanidade pública, pensións, idade de xubilación…) que esixe a primeira sostidos no lombo da maioría. Guerras e crise económica, medo, desesperanza e fascismo retro-aliméntanse: saír da espiral é unha responsabilidade de alcance histórico que atinxe á xente común ao constatar que a meirande parte da clase gobernante europea atópase hoxe presa e obxectivamente afectada pola soberbia ou por un andacio que deteriora a capacidade de raciocinio. Bruxelas continúa impoñendo por directriz de Washington paquetes (auto)sancionadores ao xigante euro-asiático contra do interese das poboacións: o FMI prevé que a economía xermana (e a eurozona en consecuencia) experimente un estancamento e a rusa se vigorice nos vindeiros anos pois atopa puxantes mercados asiáticos que transitan á des-dolarización dos intercambios comerciais sobre desbordantes materiais primarios.

Correspóndelle ás sociedades desandar o vieiro guerreirista dos estados e facelo da man do activismo anti-bélico consciente e das mobilizacións sindicais e populares masivas na defensa dos dereitos sociais e do benestar primando por riba do inflado gasto militar desenfreado e alertando da negativa rotunda a unha confrontación bélica máis seria que hoxe semella case inevitable. Do contrario, alén de perdermos a compaixón polo sufrimento alleo como aprendemos coa xestión da pandemia, é que perdemos tamén polo camiño os máis elementais e instintivos reflexos de supervivencia.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.