A pandemia e a loita pola xustiza do Movemento Memorialístico no Estado español

É unha vergoña que 40 anos despois, o Estado español, inzado de franquismo, inda no nos recoñeza como vítimas.

Por Miguel Gómez, «Gus» / Nós Diario

Este ano, cando se cumpren dez desde que a Xustiza Arxentina ao amparo do Dereito Penal Internacional admitira a trámite a primeira Querela polos crimes contra a humanidade cometidos pola ditadura franquista, producíronse varios sucesos que afectan á loita do Movemento Memorialista.

O confinamento domiciliario supuxo unha paralización de toda a vida social que, no noso caso, dificulta a coordinación das asociacións para acordar unha postura común sobre os novos proxectos de Lei presentados no Parlamento español no intento de dar resposta ás nosas reivindicacións de Verdade, Xustiza e Reparación, e que tamén afecta á propia Querela, que nestes anos non deixou de crecer tanto no número de denunciantes como en apoios internacionais que deixan en evidencia o obstrucionismo dos poderes do Estado español, en particular dunha fiscalía e xudicatura empeñadas en manter a toda costa a impunidade imposta na transición por medio dunha Lei de Amnistía espuria que incumpriu de xeito flagrante o Pacto Internacional dos dereitos civís e políticos asinado polo propio Estado español meses antes da súa aprobación, e que prohibe amnistiar delitos contra a humanidade, ou o que é o mesmo: privar de xustiza centos de miles de vítimas do terror franquista. Ademais, paralizou a declaración de Rodolfo Martín Villa ante a xuíza Servini polo graves crimes cometidos durante a transición.

Porén, para nós, a máis tráxica das consecuencias foi que a pandemia segou a vida do noso compañeiro Chato Galante, un dos principais líderes do Movemento Memorialista. Se en 2017 tivemos que lamentar a morte inesperada de Carlos Slepoy, promotor da Querela, agora a desaparición de Chato, fundador de Comuna de Presos e Represaliados do franquismo e da Coordinadora estatal de apoio á Querela Arxentina (Ceaqua), representa un durísimo golpe para o noso movemento, ademais dunha profunda dor. Chato era dos imprescindíbeis, o principal referente estatal e internacional da loita pola xustiza para as vítimas do franquismo, e a min, en particular, a súa desaparición déixame orfo.

Dende moi novos, Chato foi o meu irmán de loita contra a ditadura. Primeiro en Madrid, onde en varias ocasións fomos detidos e torturados na Dirección Xeral de Seguridade pola policía política franquista, en particular polo sádico Antonio González Pacheco, Billy el Niño. Logo compartimos anos de reclusión e loita nos cárceres de Carabanchel, Segovia e Zamora. Fixemos catro folgas de fame, a última de 30 días protestando polos procesos de setembro do 1975 nos que a ditadura asasinou cinco combatentes antifranquistas. Saímos uns meses despois da morte do ditador e  continuamos loitando na transición por unha democracia plena, pola ruptura coa ditadura, pola depuración do aparato do Estado. Finalmente, xa xubilados, continuamos loitando xuntos contra a permanencia e a impunidade do franquismo, tentando transmitir a represión sufrida, sobre todo ás novas xeracións, principais vítimas do “pacto do esquecemento” que se impuxo na transición para ocultar os horrendos crimes cometidos polo fascismo.

É unha vergoña que 40 anos despois, o Estado español, inzado de franquismo, inda no nos recoñeza como vítimas.

Paradoxos da vida, a pandemia levou tamén o torturador Billy el Niño pero as súas vítimas non nos alegramos da súa morte, lamentámola profundamente, porque marcha sen ser xulgado malia o inmenso traballo que fixemos estes últimos 10 anos. Agora escapou definitivamente da Xustiza, levando ademais á tumba cinco medallas, moitas delas nunha “democracia” que premiou os seus “destacados” servizos represivos. Que vergoña, que un criminal prófugo da Xustiza Universal dos DDHH fique refuxiado e  de forma vergoñenta protexido por España ata a súa morte. Probabelmente a súa xudicatura se alegrase de arquivar unha causa que tanto escocia, pero pouco lle vai durar, porque seguiremos loitando sen tregua, ata o final, para erradicar o fascismo pois aínda quedan numerosos policías torturadores vivos así como políticos, xuíces e fiscais coas mans manchadas de sangue.

O exemplo de Chato dános forza, porque como el dicía: “Venceremos non só porque teñamos razón, senón porque nunca esqueceremos”. Verdade, xustiza e reparación.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.