![](https://sp-ao.shortpixel.ai/client/to_webp,q_glossy,ret_img,w_800,h_600/https://nuevarevolucion.es/wp-content/uploads/Imagen-de-WhatsApp-2024-07-31-a-las-11.23.51_33dd0d1c-1.jpg)
coa chegada dos novos bárbaros, desa ultradereita que xa non agocha os seus vínculos con franquismo, herdeiros lexítimos daqueles señoritos de Falange que sementaban os camiños do noso país con sangre republicana, ós ataques á Memoria colleron un novo pulo
Por Angelo Nero
Xa son moitos anos, décadas enteiras, de aldraxe á nosa Memoria, a que podedes chamar histórica ou democrática, máis que eu entendo debemos seguir reivindicando como Anfifascista.
Unha memoria esquecida polos medios de comunicación, que preferiron ensalzar o mito da Transición, aquela que, dun día para outro, converteu ós fascistas en demócratas; que apuntalaron na xefatura do estado a unha monarquía lexitimada polo mesmo réxime franquista; que branquearon o entramado empresarial que medrou ó aveiro da ditadura, mesmo con traballo escalvo.
Unha memoria que desapareceu das escolas, dos institutos, das universidades, que foi negada a xeracións enteiras que creceron ignorando o legado da República, o golpe de estado dos militares africanistas, e a cruel represión que seguiu na longa noite de pedra.
Unha memoria invisible grazas tamén á complicidade dos grandes partidos -un deles con destacados franquistas na súa fundación-, e dos sindicatos maioritarios, que engordaron as súas contas no gran festín da democracia.
Máis, coa chegada dos novos bárbaros, desa ultradereita que xa non agocha os seus vínculos con franquismo, herdeiros lexítimos daqueles señoritos de Falange que sementaban os camiños do noso país con sangre republicana, ós ataques á Memoria colleron un novo pulo, coa clara complicidade de xuíces e policías.
Mesmo impuxeron entre os seus seareiros un revisionismo histórico no que as vítimas pasaron a ser sinaladas como victimarios, como fixo o, daquela, secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, cando dixo que as 13 rosas, “eran mujeres que torturaban, mataban y violaban vilmente.” Precisamente elas, aquelas rapazas que foron torturadas, violadas e asasinadas vilmente polos fascistas.
![](https://sp-ao.shortpixel.ai/client/to_webp,q_glossy,ret_img,w_1000,h_750/https://nuevarevolucion.es/wp-content/uploads/Imagen-de-WhatsApp-2024-07-31-a-las-11.23.51_f1641f84-1.jpg)
Dun tempo a esta parte, estes cans rabiosos, e os seus cachorros, tal vez alporizados porque, 40 anos despois da desaparición do ditador, comezaran a mudar os nomes das rúas e os monumentos que ensalzaban a aquel réximen infame, levan cunha campaña sistemática de ataques continuados ós nosos lugares de Memoria, alí onde erguimos senlleiros homenaxes de pedra os nosos mártires, os que foron torturados e as que foron rapadas, as que foron encarceradas, ou os que foron asasinados por defender un mundo mellor.
So na Galiza, temos rexistrado varios ataques á nosa Memoria Antifascista, na Volta da Moura, un dous derradeiros focos da resistencia republicana ó golpe militar, en Tui; no monolito ós Mártires do Anguieiro, en Cangas do Morrazo, en lembranza de once veciños da vila, que foron fusilados nese lugar; nos lugares da Memoria viguesa, en Puxeiros, no Calvario, e nas Fontes, tamén foron atacados os monumentos erguidos polo colectivo memorialista da cidade.
Estes profetas do odio, ensanáronse tamén en Vigo cos murais na lembranza de Moncho Reboiras, de Rosario Hernández, A Calesa, de Placeres Castellanos. Con total impunidade un grupo de fascistas dedicouse a esnaquizar toda propaganda de esquerdas ou nacionalista que atopou pola rúas da “cidade das luces”, que semella que tamén ten as súas sombras.
Onte, as bestas fascistas volveron a atacar un dos lugares da Memoria de todos os vigueses e viguesas, situado no Monte do Castro, onde máis dun centenar de veciños foi fusilado, trala lectura do bando de guerra do 20 de xullo de 1936. No monolito dedicado ás vítimas, debuxaron unha bandeira nazi, e tamén fixeron pintadas de exaltación fascista no edifico próximo do Centro emisor de RTVE con lemas como “Adolf Hitler tenía razón”, “Arriba España”, “Ramiro Ledesma Presente”, o “Stop Plan Kalergi”.
Primeiro foron aupados polos medios de comunicación, despois entraron nos parlamentos, agora tamén queren facerse cos nosos espazos, coas nosas rúas, e so a mobilización popular poderá paralos, e devolvelos a esas cloacas das que nunca deberían ter saído.
Se el primero en comentar