A memoria antifascista lembra á guerrilla galega na illa de San Simón

Demandamos, en fin, unha grande homenaxe institucional á guerrilla antifranquista galega e o seu recoñecemento colectivo como combatentes antifascistas. Así como a reparación da afronta que supón a cualificación como bandoleiros, delincuentes e terroristas coa que figuran nos documentos oficiais.

Por Angelo Nero

Un ano máis o movemento memorialista galego, organizado na Iniciativa Galega pola Memoria, acudiu, este domingo, 17 de xullo, á illa de San Simón, que foi campo de concentración franquista, entre 1936 e 1943, no interior da Ría de Vigo, unha ría que naqueles anos do medo converteuse en unha enorme foxa común, pois era unha práctica habitual dos fascistas a de “pasear” ós presos republicanos en barca, e fondealos atados a unha prancha de ferro, ou arroxados pola borda despois de darlle un tiro.

Os diversos colectivos da memoria encheron as illas de San Simón e Santo Antón, no Homenaxe Nacional ás vítimas do Franquismo, para lembrar a todos os que sufriron as terribles condicións do campo de concentración da illa, e os que perderon a vida alí, na ría, ou nos terribles viaxes da “raposa”, que deixou moitos mortos na gabias da contorna. Tamén este ano, por vez primeira, houbo unha representación de diversos colectivos antifascistas, de Vigo e do Condado, para lembrar que “a Memoria ten que ser Antifascista, ou non é Memoria.” Foron preto de cincocentas persoas as que acudiron á cita anual de San Simón, pertencentes a trinta colectivos de toda a nación galega, e tamén contou cunha nutrida representación da Comuna, Asociación de presxs y represaliadxs por la ditadura franquista.

Este ano a xornada na que o pobo galego lembrou ós mártires do franquismo, e da transición (que tamén os houbo), estivo dedicada á Resistencia armada ó réxime fascista, que estivo organizada na Federación de Guerrillas de León-Galicia, onde confluíron anarquistas, comunistas, socialistas e galeguistas, e que estivo activa ata 1947. Foron moitos os homes que se botaron ó monte para enfrontar ó novo réxime, tantos como mulleres que serviron de enlaces da guerrilla, tecendo redes de apoio popular sen os que a Resistencia non se houbera alongado tanto no tempo, algunhas, como Consuelo Rodríguez López, Chelo, tamén combateron nas filas da guerrilla.

Como ben sendo habitual mentres os barcos foron chegando á illa, se fixeron guieiros guiados para coñecer a fondo a historia deste campo de concentración, que a Xunta de Galicia aldraxa con usos turísticos, festivais de música e retiros de ioga, nos que non existe ó menor respecto cos todos aqueles bos e xenerosos que sufriron nas súas carnes neste lugar os rigores do fascismo, en condicións inhumanas, amoreados, famentos e sufrindo os rigores do clima. Esta é unha das denuncias da IGM, que tamén reclama a declaración da Illa como espazo da Memoria.

Ó mediodía comezou a Homenaxe Nacional ás vítimas do franquismo, xa con toda a xente na pequena illa de Santo Antón, presentado polo cantante Xurxo Souto, que estudou a represión franquista sobre o colectivo dos músicos e impartiu recentemente varios obradoiros sobre este tema. E falou Xurxo, e falou ben: “En todos os países de Europa, existiu unha guerrilla antifascista, en Italia, en Francia. Eran a Resistencia. Recibiron honras por parte de toda a cidadanía. Foron considerados auténticos heroes e heroínas. Nesta parte do mundo, a consideración institucional era de ladróns e de bandoleiros. Afortunadamente, o traballo de moitas investigadoras, e moitos investigadores, recopilaron e trouxeron ó conxunto da sociedade o labor de todas estas persoas comprometidas: Guerrilleiros e Guerrilleiras”

Comezou o acto coa interpretación do Himno de Riego, por parte dos Gaiteirxs da Memoria, xa habituais deste evento, e a seguir, e despois dunha benvida do músico de Monte Alto, deulle paso a cantante do Louriña, Uxía Senlle, que interpretou o tema “Acorda”, feito a propósito para a cartografía musical da Memoria, que, por iniciativa da área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, e recollida no documental do mesmo nome, dirixido por Lucas Terceiro, e coa dirección artística da propia Uxía e de Marina Carracedo.

A seguir interviu a profesora e historiadora Aurora Marco, autora de “Irmandiñas”, sobre as mulleres das Irmandades da Fala, ou de “Mulleres na guerrilla antifranquista galega”, o primeiro estudo sobre o papel das mulleres na guerrilla galega o que lle dedicou cinco anos, para asegurar que “as mulleres constituíron a columna vertebral da guerrilla galega”, pois proporcionaban refuxios, armas e provisións, avisaban da aparición da garda civil, mandábanlle notas ós do monte, e, como non, sufrían dobremente a represión: por resistentes e por mulleres. E falou así: “Afouteza, rebeldía, entrega, a paixón, o compromiso das e dos integrantes daquel movemento de Resistencia, con un obxectivo definido: a loita pola liberdade e a defensa da República. Aina que os asasinos falanxistas nos chamen bandoleiros, somos guerrilleiros, somos revolucionarios, e non nos demos por vencidos, tras dez anos de loita e que fronte ós esbirros franquistas, mantemos en alto a bandeira da liberdade e da República. Escribiu Ponte Pedreira en carta ó xuíz militar Manuel Chacón, con motivo dunha requisitoria contra el e contra outros compañeiros no ano 46.”

Irene Francés, representante de Avogad@s nov@s, foi a encargada de ler o manifesto da IGM, que reproducimos integramente a continuación:

Mesmo na noite mais triste
em tempo de servidão,
há sempre alguém que resiste
há sempre alguém que di nâo.
Manuel Alegre

As persoas e entidades que conformamos o movemento memorialista galego, INICIATIVA GALEGA POLA MEMORIA, reunidas na Illa de San Simón, proclamamos:

Que non acreditamos nesa visión dunha Galiza submisa logo do golpe de Estado militar fascista do 20 de xullo de 1936. Pola contra, como demostraron numerosas investigacións e publicacións, e recentemente Dionisio Pereira e Eliseo Fernández no libro A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza 1936-1940, a loita armada comeza desde o mesmo momento do golpe na contorna das cidades de Ferrol, Vigo Coruña ou Vilagarcía, e logo en zonas máis afastadas dos montes.

En Galiza organizouse a primeira estrutura militar de resistencia armada contra o franquismo, a Federación de Guerrillas Galiza-León, no ano 1942. E máis adiante, no ano 1946, o Exército Guerrilleiro de Galiza, ambas organizacións con presenza en amplas zonas do noso país e con redes de apoio popular.

Que á par do papel maioritario dos homes na resistencia armada, reivindicamos o protagonismo das mulleres na loita antifranquista, na fronte do monte e na fronte da chaira, como demostran varios estudos entre os que sobrancea a obra de Aurora Marco Mulleres na guerrilla antifranquista galega. Fronte á visión franquista das “putas dos rojos” nós queremos lembrar hoxe o compromiso, a coraxe e o heroismo das guerrilleiras e de todas as mulleres que foron perseguidas, asasinadas, aldraxadas e condenadas por non renderse, por defender a democracia, os dereitos das mulleres e os dereitos do noso país.

E máis alá dos límites xeográficos da nosa terra, homenaxeamos hoxe aos homes e sobre todo as mulleres como Mercedes Núñez ou Placeres Castellanos que continuaron a loita antifascista en Francia, e pagaron un alto prezo por non renderse nunca.

Queremos hoxe lembrar e honrar o esforzo que se leva facendo desde a investigación histórica, desde o mundo asociativo, desde moi concretas iniciativas editoriais e xornalísticas, para estudar e dar a coñecer a historia, o compromiso e a loita do movemento galego de resistencia armada contra o franquismo. Saudamos e recoñecemos o labor de persoas historiadoras e investigadoras (non é posíbel citar a todas) e iniciativas recentes como o coleccionábel de Nós “A loita da guerrilla galega ao descuberto”, que botan luz sobre o verdadeiro relato e a relevancia da loita armada antifranquista desde 1936 até o seu final nos anos 60.

Saudamos e apoiamos as iniciativas de estudo e posta en valor dos espazos da resistencia antifranquista e consideramos de especial interese o erguemento de memoriais e a construción de centros de interpretación e divulgación da loita guerrilleira.

Reclamamos que as institucións galegas honren as persoas que loitaron polos dereitos democráticos e polas liberdades. As persoas que foron asasinadas, encarceradas, expoliadas, torturadas, roubadas, excluidas, depuradas e desterradas. Todas estas persoas merecen o recoñecemento das institucións galegas, comezando pola Xunta e o Parlamento.

Demandamos, en fin, unha grande homenaxe institucional á guerrilla antifranquista galega e o seu recoñecemento colectivo como combatentes antifascistas. Así como a reparación da afronta que supón a cualificación como bandoleiros, delincuentes e terroristas coa que figuran nos documentos oficiais.

E, finalmente, queremos denunciar unha vez máis a perversa utilización desta Illa como parque temático e como bastión da antimemoria, a eliminación por parte da Xunta de Galiza de toda a programación relacionada coa memoria histórica, a privatización da xestión e a trivialización das actividades que se desenvolven no que debería ser principalmente un lugar de respecto, de lembranza e de homenaxe.

Por iso, esiximos a recuperación do proxecto da Illa da Memoria, un plan de usos consensuado, e o desenvolvemento dunha programación estábel que poña de relevo o significado de San Simón como o grande espazo simbólico da represión franquista, da resistencia democrática contra a Ditadura e da loita polas liberdades e os dereitos de Galiza.

Medre a memoria!!!!!

Antes de rematar acto, Uxía Senlle, acompañada pola periodista e escritora Montse Fajardo, cantou “Agardarei”, do cantautor compostelán Luis Emilio Batallán, un dos momentos máis emotivos do acto.

O punto final o puxérono os Gaiteirxs da Memoria que puxeron banda sonora á ofrenda floral na placa adicada ás vítimas do franquismo, entoando o himno galego que cincocentas voces berraron, algunhas co puño en alto, naquel lugar que fora, que nunca se esqueza, un terrible campo de concentración.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.