A loita da clase obreira galega non se confina

Por Alberto Gonçalves / secretario comarcal CIG Vigo

Este dez de marzo, Día da Clase Obreira Galega, celebrarase nun contexto excepcional, marcado xa non pola pandemia do coronavirus senón pola galopante crise económica, social e laboral que derivou desta e das insuficientes e deficientes políticas aplicadas polos gobernos español e galego para lle facer fronte.

Cómpre antes de máis nada reivindicarmos o dez de marzo como expresión histórica da capacidade de resposta e de loita do pobo traballador galego. É por iso, que desde a CIG apostamos por celebralo, como non podía ser doutro xeito, a través da mobilización nas rúas.

Para nós o día da Clase Obreira Galega, non é unha data ritual. Non é unha efeméride máis no calendario. Non pode ser un acto protocolario. En 1972 o pobo traballador galego dimos unha xigantesca lección histórica da nosa capacidade de loita. As balas coas que a policía franquista asasinaba a Daniel Niebla e Amador Rey en Ferrol acabaron por ser a isca que prendeu o lume que alenta a nosa causa e que na comarca de Vigo tomou forma dunha folga solidaria que atinxiría 15 días e mobilizaría a 28 mil operarios e operarias. Desa determinación de combate, desa firmeza heroica por loitarmos sen medo e sen descanso polos nosos dereitos, naceu o sindicalismo nacionalista e de clase que hoxe representa o proxecto sindical da CIG.

A vixente crise sanitaria, económica e social pon de manifesto as altas taxas de desemprego, temporalidade e parcialidade que golpea nunha parte moi importante da clase traballadora, pero tamén causa un forte debilitamento nos nosos sectores produtivos e de maneira especial a nosa industria. No último ano, só na cidade de Vigo destruíronse 2500 postos de traballo na industria. Hoxe hai 5400 empregos industriais menos que en 2009, nun devalar que avanza sen freo e que ameaza o futuro dunha comarca de Vigo que, como dicimos sempre, será industrial ou non será.

Máis unha vez volvemos comprobar como pretenden converter a crise nun saqueo ás clases populares e traballadoras, aplicando as mesmas receitas antisociais de sempre, con políticas centralistas, que o único que procuran é seguir a encher os petos do grande capital monopolista, da oligarquía española.

Urxe, pois, un xiro radical nas políticas económicas, sociais e industriais. Tanto do goberno español de PSOE  e  Unidas Podemos, como da Xunta do Partido Popular. É momento de despregar un Plan galego de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno, que permita a recuperación dos dereitos laborais e sociais sobre a base da derrogación das reformas laborais que nolos roubaron, que faga posíbel unha transición enerxética galega xusta, que reforce os servizos públicos e poña en marcha medidas urxentes de protección e dereitos sociais.

Por todo isto, hoxe, a pesar das restricións sanitarias derivadas da pandemia, non imos renunciar aos nosos dereitos fundamentais, nin á mobilización, nin ás rúas. Non imos confinar a loita sindical mentres a clase traballadora continúa a padecer todos os días agresións en forma de recorte de dereitos, de precariedade, de empobrecemento salarial ou de brutal explotación. Non imos deixar de saír as rúas mentres o empresariado continúa a vulnerar os nosos dereitos, nin mentres os gobernos español e galego ollan para outro lado diante da desertización produtiva que ameaza con facer crónica e permanente esta nova crise. Non. O sindicalismo nacionalista e de clase, combativo, asembleario e de contrapoder, non imos parar. Non imos deixar de defender os nosos dereitos. E por iso a CIG convocamos, para alén da folga unitaria na comarca de Ferrol, unha mobilización en Vigo para este 10 de marzo que partirá ás 18:30h desde Vía Norte.

A loita da clase obreira galega non se vai confinar, porque non imos ficar impasíbeis mentres o poder converte esta crise nun novo saqueo. Porque non imos permitir que nos sigan a roubar dereitos. Porque non imos renunciar ao noso dereito a vivirmos con dignidade do noso traballo na propia terra.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.