A IGM considera “sangrante” que a Xunta utilice a figura de Emilia Pardo Bazán para tratar de agochar os crimes do franquismo

A Iniciativa Galega pola Memoria denuncia que a Xunta quere facer como en San Simón, que deixou de ser illa da memoria co pretexto de crear un espazo para «o pensamento e á poesía» que ao final se converteu nun parque de atraccións onde a memoria fica desaparecida.
A plataforma cre que a mellor homenaxe que se lle pode facer á escritora feminista é denunciar os abusos dun réxime patriarcal e aniquilador dos dereitos da muller.

Pontevedra, 12 de decembro de 2020.

A Iniciativa Galega pola Memoria considera «sangrante» que a Xunta de Galicia utilice a figura de Emilia Pardo Bazán para afastar de Meirás a memoria das vítimas, «nun novo intento de agochar os crimes franquistas, nesta ocasión baixo o perverso pretexto de apoiar dúas causas tan loables como o feminismo e a literatura galega, que ata o de agora este goberno non só nunca defendeu senón que máis ben prexudicou».
A plataforma, que engloba a asociacións memorialísticas de todo o país, cre que o plan de usos, presentado onte, agocha un novo intento do goberno do Partido Popular por baleirar de significado un dos espazos máis simbólicos para a loita antifascista galega, como xa fixera coa illa de San Simón. Lembra que «cando Núñez Feijóo chegou ao goberno desmantelou o proxecto da Illa da Memoria co pretexto de crear un espazo destinado ao pensamento e mesmo á poesía, mais en realidade o que fixo foi converter o Lazareto nun parque de atraccións onde se realiza calquera actividade agás as destinadas á memoria, que practicamente se limitan a un acto ao ano e porque o organizamos desde as asociacións».
Desta volta, denuncian, hai unha nova tentativa de utilizar a traxectoria de Emilia Pardo Bazán e a defensa da igualdade para anular a evidente relación de Meirás coa loita do pobo galego en pro da memoria histórica: «É unha proposta trampa para usar de forma perversa a escritora e a loita feminista en pro da igualdade –dos propósitos loábeis que nunca lle preocuparan a este goberno- para afastar a memoria de Meirás.
Todos lles vale, primeiro foi a Illa do pensamento, dos poetas, dos piratas, de calquera cousa menos memoria, e agora é o faro de Pardo Bazán, do feminismo, da igualdade, da literatura, da escritura, de calquera cousa menos do que realmente é: un símbolo do espolio fascista e da loita contra a impunidade».
Entende a IGM que a mellor homenaxe que se lle pode facer á Emilia Pardo Bazán é precisamente denunciar un réxime patriarcal e aniquilador dos dereitos das mulleres como foi o franquista, e condenar un golpe de Estado que volveu relegar as mulleres ao papel de nais e esposas cando precisamente estaban empezando a adquirir dereitos como cidadás.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.