A IGM agarda que se conte co movemento memorialístico para decidir os usos de Meirás, que deberían centrarse no estudo da represión e da loita contra o esquecemento

A plataforma subliña que foi un logro colectivo capitaneado pola CRMH da Coruña e os investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo, responsábeis do estudo base do impecábel informe xurídico encargado pola Vicepresidencia da Deputación da Coruña e que foi soporte da demanda do Estado

Agarda que o exemplo da cidadanía galega calle no executivo estatal e acepte introducir melloras no anteproxecto da nova lei que posibiliten seguir avanzando na loita contra a impunidade franquista

Pontevedra, 9 de decembro de 2020. A Iniciativa Galega pola Memoria, que engloba a colectivos de todo o país, agarda que se teña en conta o movemento memorialístico galego á hora de abordar os futuros usos do Pazo de Meirás, que deberían centrarse no estudo da represión e da propia loita contra o esquecemento.

A IGM lembra que este histórico día non tería chegado sen a importante mobilización social en pro da memoria democrática que desde hai vinte anos veñen realizando persoas como Manuel Monge, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, e por iso espera que o seu exemplo calle tanto no goberno galego como no estatal e adopten de vez “unha postura firme que poña fin, sen medias tintas, á impunidade franquista”.

Neste senso, a plataforma apoia o comunicado que realizan colectivos memorialísticos de todo o Estado para pedir unha lei de memoria democrática que poña fin á impunidade franquista, a través, entre outras cuestións, da inclusión da declaración de nulidade da Lei de Amnistía de 1977 e da garantía da tutela xudicial efectiva para as vítimas do franquismo.

A IGM entende que o éxito do desafiuzamento de Meirás non sería posíbel sen o traballo realizado pola CRMH da Coruña así como polos investigadores Carlos Babío Urkudi e Manuel Pérez Lourenzo, cuxo inxente traballo serviu de base ao proceso iniciado pola Deputación da Coruña a través da súa vicepresidenta, Goretti Sanmartín, coa creación da Xunta Pro devolución do Pazo e a elaboración do impecábel informe xurídico base da demanda interposta polo goberno do Estado, tras os acordos auspiciados nese senso, entre outros, polo Parlamento galego, a Xunta de Galicia e os concellos de Sada e A Coruña. Por iso, pide que se siga traballando nesa liña de colaboración e se teña en conta ao movemento memorialístico e ás persoas especialistas na investigación da represión franquista á hora de decidir os futuros usos de Meirás,  que debe converterse na gran aula para o estudo da represión e o espolio que levou aparellados o franquismo, así como do propio proceso de recuperación da memoria, para poder poñer fin así, desde unha perspectiva crítica, ao silencio imposto na transición española, que como queda demostrado, non tivo nada de modélica.

O principio da fin da impunidade

A IGM agarda que a recuperación de Meirás sexa un punto de inflexión para por punto final á impunidade franquista. Consciente da cautela que supón estar ante un xulgado de primeira instancia, o organismo agarda que os tribunais responsábeis de dirimir os recursos da familia do ditador convertan en firme a devolución e avalen a fundamentada sentenza do xulgado coruñés que deixa ben claro “o entramado de complicidades que desde o inicio da Transición vén protexendo os intereses e os negocios da familia Franco” . Lembra que Meirás e só “a punta do iceberg” do espolio, polo que insiste na necesidade de investigar e recuperar todos os bens espoliados así como de aprobar unha lei de memoria histórica moito máis ambiciosa que serva para desmantelar todos os vestixios franquistas e acabar de vez coa impunidade.  

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.