A extrema dereita volve liderar Italia 100 anos despois do golpe de Estado de Mussolini

Giorgia Meloni xura este sábado como primeira ministra italiana onda o seu Executivo, no que ademais de Irmáns de Italia participará outra forza de extrema dereita, a Liga.

Por André Mauricio / Nós Diario

O presidente italiano, Sergio Matarella, encargou esta sexta feira a Giorgia Meloni, do partido de extrema dereita Irmáns de Italia, a formación de Goberno, substituíndo o de Matteo Draghi. Este sábado ás 10 da mañá, a nova primeira ministra e a primeira muller que dirixirá Italia estará no Palazzo del Quirinale xunto ao seu Executivo para xurar o cargo.

Meloni, de 45 anos, chega ao poder un século despois que Benito Mussolini, que impulsou a primeira ditadura fascista do mundo. Sobre el, a nova mandataria chegou a soster “que foi un bo político, todo o que fixo fíxoo por Italia”.

A súa formación tamén usou reiteradamente durante a campaña un dos lemas do Partido Nacional Fascista -fundado por el-, “Deus, patria e familia”, considerado por Meloni como o “máis fermoso manifesto de amor”. Ao tempo, comparte partido cun dos bisnetos do ditador transalpino, Caio Giulio Cesare Mussolini, e coa súa neta, Rachele Mussolini.

As eleccións do 25 de setembro outorgaron á autodenominada “coalición de centro dereita” unha ampla maioría tanto na Cámara de Deputados como no Senado, e a Meloni o liderado claro da alianza, ao obter 26% dos sufraxios, mentres que a Liga -outra organización de extrema dereita, dirixida polo ex ministro de Interior, Matteo Salvini- ficou con 8,7%, e os conservadores de Forza Italia (encabezada por Silvio Berlusconi) con 8,1%.

Esta situación, en teoría, permitiralles aplicar unha parte substancial do seu programa, pero non todo, pois ao non contar con dous terzos do Senado non está na súa man pór en marcha a medida estrela de Meloni para rexenerar o sistema político estatal: unha modificación constitucional para converter Italia nun réxime presidencialista e acabar coa actual república parlamentar, na que o presidente ten un papel principalmente de estabilizador do sistema político pero sen capacidade executiva.

Entre as propostas nas que máis énfase fixeron durante a campaña está “deter a inmigración ilegal”, incidindo na seguridade pública e cargando contra as persoas migrantes por converter as urbes en lugares “degradados e inhabitábeis”, así como “escenario de ocupacións abusivas, violencia e venda de drogas”. Tamén salientaron a súa aposta por apoiar “a natalidade e a familia” e “a defensa das raíces clásicas e xudeucristiás de Europa”.

Malia que o recibimento a Meloni está a ser frío entre os conservadores dos Estados onde se aplica un cordón sanitario á extrema dereita, como Francia ou Alemaña, desde as eleccións varios integrantes da dereita europea reiteran que “o que non é Meloni é fascista”, como sinalou o ex ministro de Exteriores do Goberno de Mariano Raxoi e o Partido Popular, José Manuel García-Margallo.

Aínda así, é o ex presidente do Parlamento da Unión Europea e dous veces vicepresidente da Comisión Europea, Antonio Tajani, un dos líderes de Forza Italia, o principal encargado de tratar de convencer as institucións do bloque comunitario de que “nin Salvini nin Meloni son de extrema dereita”.

Amais, os medios non progresistas inciden no carácter «cristián» de Meloni.

Ameazas e violencia para asaltar o poder dun Estado en crise

O 24 de outubro de 1922, após expulsar pola forza os alcaldes progresistas do norte do país, Benito Mussolini lanza os paramilitares fascistas contra Roma para premer o rei Vítor Manuel III mentres asaltan os Concellos de múltiples cidades ao seu paso.

Finalmente, o 30 de outubro o penúltimo monarca italiano entrégalle un poder que non abandonaría -agás varias semanas en 1943- até o seu axustizamento en 1945.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.