Neste estado no que non terminan de pecharse as feridas que abriu a sanguenta ditadura franquista, corenta anos de brutal represión, que encheron cárceres e ergueron as cunetas de homes e mulleres que soñaban un pais mellor, aínda sigue sendo legal a Falange Española y de las JONS, que tivo un papel decisivo nesa represión
Por Angelo Nero
A Xunta pon en valor o labor educativo do campamento de verán da Organización Juvenil Española na illa de Ons, pódese ler no portal da web da entidade autonómica, na que se engade:
“A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá á clausura do segundo campamento de verán organizado pola Organización Juvenil Española (OJE) en Galicia e que, nesta ocasión, tivo lugar na illa de Ons. Durante o encontro, puxo en valor o labor educativo desta iniciativa que promove o coidado do medio ambiente en pleno Parque Nacional das Illas Atlánticas.
A directora xeral agradeceu a esta entidade por celebrar unha das súas actividades na nosa Comunidade e por dar a coñecer a xeografía galega a 41 nenos e nenas de entre 6 e 16 anos que desfrutaron dunha semana de actividades na illa de Ons. Neste sentido, lembrou que os campamentos de verán son, ademais dun importante recurso de conciliación familiar, un mecanismo para transmitir valores e boas conductas entre a xuventude.”
Seica a Cristina Pichel, nada en 1989, é dicir 14 anos despois da morte do ditador Francisco Franco, a historia da OJE quédalle lonxe, e ata tería unha desculpa se non fora que é licenciada en Xornalismo, e algo debería aprender na facultade do anterior réxime, e dos seus tentáculos, que acadaban todas as áreas da sociedade, dende a relixión, o mundo obreiro e a cultura, ata, como neste caso a xuventude. Fundada en 1960, e dependente da Secretaría General del Movimiento, a OJE tiña, entón e agora, un decálogo de once puntos, “a promesa”, e os dous primeiros son: “Amar a Dios y levantar sobre este amor todos mis pensamientos y acciones,” e “Servir a mi patria y procurar la unidad entre sus tierras y entre sus hombres.”
Neste estado no que non terminan de pecharse as feridas que abriu a sanguenta ditadura franquista, corenta anos de brutal represión, que encheron cárceres e ergueron as cunetas de homes e mulleres que soñaban un pais mellor, aínda sigue sendo legal a Falange Española y de las JONS, que tivo un papel decisivo nesa represión, e cuxos militantes asasinaron, roubaron e violaron sen que, ata o de agora, ningún deles fora castigado polos seus crimes. O símbolo da Transición foi un falanxista, Adolfo Suárez, que chegou a ser Secretario General del Movimiento. Cristina Pichel debe lembralo como un demócrata de toda a vida, como o fundador do seu partido, Fraga Iribarne, que foi tamén falanxista, e ministro de Información franquista. Fraga tamén foi Delegado Nacional de Asociacións, unha das delegacións da Secretaría Xeral do Movemento, ala polos anos nos que se fundou a OJE.
En marzo deste mesmo ano, a deputada de Vox no Parlament de Catalunya, María Elisa García Fuster, reivindicou na cámara catalá a labor da OJE, nunha enmenda á totalidade da proposta de lei de recoñecemento de escultismo que otorga á Federació Catalana d’Escoltisme i Guiatge (FCEG) a representatividade deste movemento a nivel internacional, unha asociación separatista para a deputada de ultradereita. Pola contra Vox deulle todo o seu apoio á OJE, ou ó Movemento Scout Católico. Un das caras máis visibles de Vox, Jorge Buxadé, foi membro da OJE, para pasar máis tarde ás listas da Falange.
Se el primero en comentar