No Estado español a eólica mariña (e por extensión as enerxías renovábeis no mar -undimotriz, mareas…) carece hoxe, de acordo con Adega “dunha planificación propia, ao contrario que na terra”.
Por Nós Diario
O desenvolvemento da enerxía eólica mariña e por extensión das renovábeis no mar está a ser desde hai un tempo fonte de controversia polos posíbeis impactos sobre os hábitats, a biodiversidade mariña e os recursos que fornece o océano.
Desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) concordan na necesidade de lograr os obxectivos comprometidos na COP15 (Conferenza das Partes) de Montreal de decembro de 2022, particularmente no que atinxe ao compromiso 30×30: protexer 30% das terras, augas e océanos para 2030, así como a de alcanzar paralelamente unha “rápida e ambiciosa descarbonización”.
Porén, estes dous obxectivos non deberían colidir segundo Adega e moito menos “ser causa dun maior impacto ambiental, a mudanza do modelo enerxético e substitución das enerxías fósiles por fontes renovábeis debería facerse sen deteriorar os fráxiles hábitats oceánicos e a súa biodiversidade, nin derramar os servizos ecosistémicos que os océanos prestan á humanidade”.
No Estado español a eólica mariña (e por extensión as enerxías renovábeis no mar -undimotriz, mareas…) carece hoxe, de acordo coa asociación ambientalista “dunha planificación propia, ao contrario que na terra”.
“Non existe unha norma de carácter sectorial que alén das áreas con maior recurso, estabeleza as condicións de desenvolvemento, os criterios de implantación, xestión e exclusión, etc. O POEM (Plano de Ordenamento do Espazo Mariño) recentemente aprobado non é unha norma sectorial e arrastra graves eivas, quer a falla dunha Avaliación Ambiental Estratéxica ou a falla de consideración doutras actividades como a pesca artesanal”, salientan desde Adega.
Deste modo, o POEM “esquece que pola costa galega discorren algúns dos corredores migratorios de aves (mariñas e terrestres) así como de cetáceos máis importantes do mundo, no primeiro caso con pasos de centos de millóns de exemplares ao ano. Este extraordinario feito debería constituírse nun dos principais factores de exclusión para aproveitamento eólico nas nosas costas, tendo en conta que as taxas máis altas de mortalidade de aves por parques eólicos acontecen nos corredores migratorios”.
Outro tanto ocorre para os cetáceos segundo Adega. Manifestan que se consideran excluídas para o aproveitamento eólicono POEM “só as áreas críticas de cinco especies, cando nas augas galegas están presentes nada menos que 24, nove frecuentes, sobre as que existe ademais un importante descoñecemento dos seus movementos, estado de conservación, densidades poboacionais, etc. aliás da falla de datos sobre o impacto nestas poboacións das eólicas offshore.
Estas graves omisións, erros de planificación e indeterminacións con respecto á situación da biodiversidade e os potenciais efectos das instalacións eólicas mariñas sobre os hábitats e especies, abondarían para en aplicación do Principio de Precaución, “desbotar calquera desenvolvemento da eólica mariña nas costas galegas”, censuran os ambientalistas.
Se el primero en comentar