A Coruña é a capital da simboloxía franquista

O goberno municipal da Coruña non cumpriu a Lei de Memoria Histórica de 2007, nin cumpre a Lei de Memoria Democrática de outubro de 2022

Pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda

Hoxe foi presentado o informe POLA ELIMINACIÓN DA SIMBOLOXÍA FRANQUISTA DA CORUÑA (141). PROPOSTAS PARA UN PROGRAMA DE GOBERNO. ELECCIÓNS MUNICIPAIS-28 DE MAIO DE 2023

Participaron na presentación o autor –Manuel Monge, socio da A.C. Alexandre Bóveda, sociólogo e vítima do franquismo– e María Xosé Bravo, presidenta da asociación.

María Xoxé Bravo lembraba que a asociación que preside está especialmente sensibilizada co tema da memoria histórica porque leva o nome de Alexandre Bóveda, asasinado polo fascismo o 17 de agosto de 1936, Día da Galiza Mártir.

Manuel Monge publicaba en 2020 o libro Os restos do franquismo en Galiza (máis de 700 símbolos franquistas en 90 concellos), e a A.C. Alexandre Bóveda publicaba en febreiro de 2021 o seu traballo 15 biografías secuestradas. Lembraba María Xosé Bravo que o próximo 11 de abril celebrarán no Circo de Artesáns un debate sobre A Lei de Memoria Democrática e os restos do franquismo na Coruña, na que participarán Manuel Monge, Uxío Breogán Diéguez, director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, e Ana Romero, directora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.

O informe, de 24 páxinas e que será entregado a alcaldesa e a todos os grupos municipais, recolle unha relación dos 141 símbolos franquistas da Coruña coa xustificación da súa eliminación: 30 rúas, 21 retratos, 28 distincións honorítficas (Fillos Adoptivos e Predilectos, Medallas, Alcaldes Honorarios); monumentos, placas e escudos (44), simboloxía franquista en dependencias do Ministerio de Defensa (14); centros de ensino (4).

A capa do informe recolle os retratos de catro golpistas. En que cidade se reciben as visitas ou se celebran as vodas nunha sala presidida por Miguel Primo de Rivera, José Calvo Sotelo, Severiano Martínez Anido e Mario Muslera y Planes? Isto é unha vergoña para A Coruña, concluía Monge.

O informe inclúe unha análise dos criterios para a eliminación da simboloxía franquista: Lei de Memoria Democrática (LMD) de outubro de 2022, sentenza do Tribunal Supremo de 15 de decembro de 2022, Orde do Ministerio de Defensa de decembro de 2009, Consello Escolar do Estado de febreiro de 2008, Plenos da Coruña, resolucións do Parlamento Galego e da Deputación da Coruña, todas elas incumpridas polo concello da Coruña.

Nunha análise comparativa, recolle o que se fai noutras comunidades e concellos: Logroño, por exemplo, e sendo alcaldesa Cuca Gamarra, retira a rúa Miguel Primo de Rivera; Curtis, alcaldía do PP, elimina a rúa Calvo Sotelo; Cedeira, alcaldía do PSOE, retira a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo (concedida na Ditadura cando era ministro de Franco), o mesmo que Ferrol, e unha avenida; Pontevedra, goberno de BNG-PSOE, elimina a avenida Juan Carlos I; a Deputación da Coruña , goberno de PSOE.BNG, retira o retrato do xeneral Severiano Martínez Anido, Ferrol xa eliminou a rúa Salgado Torres en 1981; Santiago retiraba a Laureano López Rodó (ministro na ditadura) a distinción de Fillo Adoptivo en 2018, As Pontes, sendo alcalde Valentín González Formoso, retiraba en 2009 a Medalla de Prata a Constantino Lobo (militar golpista)…Todos eles conservan rúas e distincións na Coruña.

O goberno municipal da Coruña non cumpriu a Lei de Memoria Histórica de 2007, nin cumpre a Lei de Memoria Democrática de outubro de 2022. Esa falta de vontade política chega ao extremo de que non atende nin a petición unánime da corporación municipal de O Barco de Valdeorras, alcaldía socialista (moción aprobada por PSOE, PP e BNG), para que o concello da Coruña retire a rúa e o retrato de Sergio Peñamaría de Llano, que protagonizou nesa comarca unha actuación represiva, dirixindo como tenente unha bandeira da Lexión. Por outra parte, secuestra durante dous anos e non aplica un informe do Instituto José Cornide, encargado polo propio concello, que propón a retirada de rúas e distincións a 14 significados franquistas como Pedro Barrié de la Maza (a LMD retira o título nobiliario de Conde de Fenosa), Alfonso Molina, Álvarez Sotomayor, o crego Toubes, etc.

Se o artigo 1 de LMD define como “ilegal” o réxime franquista, serán tamén ilegais os ministros, alcaldes, gobernadores civís etc. da ditadura. Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Bilbao, Zaragoza, Pamplona, Cádiz… xa retiraron as distincións aos alcaldes da ditadura, pero na Coruña alcaldes e alcaldesa na ditadura aínda conservan 30 distincións entre rúas, retratos, Fillos Adoptivos e Predilectos, esculturas e placas.

Finalmente, o informe recolle máis de 40 propostas de actuación para o próximo goberno municipal despois das eleccións municipais do 28 de maio de 2023, agrupadas en catro apartados: eliminación da simboloxía franquista; homenaxe e atención ás vítimas do franquismo; lugares da memoria democrática; a memoria democrática no ensino; colaboración con asociacións e institucións.

Monge lembraba, como referencia, o que fai o alcalde socialista de Valladolid, Óscar Puente que, coincidindo co 1º de maio de 2022, inauguraba cos sindicatos unha placa na entrada do concello, lembrando aos cargos públicos e traballadoras/es do concello, asasinados despois do golpe militar do 18 de xullo de 1936. E o pasado 27 de marzo de 2023 colocaba unha placa con este texto: “En este lugar se encontraba la Cárcel Vieja en la que centenares de mujeres vallisoletanas fueron represaliada duante la Guerra Civil y el franquismo por defender la libertad, la igualdad de género y al justicia social. En su recuerdo se coloca esta placa”. Ese mesmo alcalde cambiaba o nome da rúa do párroco de Las Delicias, que colaborou na represión, por Celtas Cortos.

Monge lembraba tamén o artigo 36 da LMD sobre o Catálogo de símbolos e elementos contrarios á memoria democrática, e adiantaba que enviará este informe para que se incorporen a ese Catálogo os 141 restos do franquismo da Coruña. Lembraba tamén que o artigo 62.2.d da LMD considera infracción grave se non se retiran os “símbolos e elementos contrarios á memoria democrática”; e o artigo 63.2.b sobre Sancións e medidas de restablecemento da legalidade, establece: “Para infraccións graves: Multa entre 2.001 e 10.000 euros”.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.