A 10 anos da abdicación de Juan Carlos de Borbón

Manifesto pola República lido pola Asamblea Republicana de Vigo, na concentración con motivo dos 10 anos da abdicación de Juan Carlos de Borbón

Por Asemblea Republicana de Vigo

Hoxe, cando nestes días se cumpre o décimo cabodano da entronización de Felipe de Borbón e os grande medios de comunicación e os partidos dinásticos PP e PSOE non paran de loar a figura de Felipe VI e da súa familia, nós xuntámonos aquí non só para rexeitar a Monarquía senón tamén para dicirlle NON á herdanza do franquismo.

Que non nos confundan, nin enganen, nin manipulen. O que realmente hai detrás de cada declaración de republicanismo como a que agora expresamos aquí, é unha declaración de antifranquismo, e, no fondo, un NON á Monarquía que é tamén un NON á unha Transición que a legalizou e lexitimou, dándolle carta de natureza legal ao réxime do 18 de xullo, aquel réxime ditatorial saído do triunfo fascista na guerra de España que tivo lugar entre 1936 e 1939.

A Constitución actual concede ao Rei un papel que vai moito máis alá do de ser unha mera figura decorativa. É o Rei quen sanciona as leis, é o Rei quen designa o candidato á presidencia do goberno e, sobre todo, é o Rei quen concentra nas súas mans a xefatura suprema das forzar armadas, unhas forzas armadas que teñen a obriga e deben, baixo a ordes do Rei, protexer a integridade e a unidade territorial do reino de España.

Pero ese reino de España non é, queirámolo ou non, unha unidade de destino no universal como se pregoaba durante o franquismo e se estudaba naqueles libros escolares de Formación do Espírito Nacional. Esa entidade social histórica que chamamos reino de España conformase nun espazo territorial onde viven espazos plurinacionais distintos e habita o plurilingüismo e onde conflúen, xa que logo, distintas identidade nacionais.

Por iso o republicanismo, ese espazo político, cultural ou social que se define así, debe ter en consideración esa particularidade e debe ser consciente de que só a loita por un estado federal ou confederal pode darlle satisfacción política e histórica a todos os pobos que conforman o estado español.

A abdicación do rei Juan Carlos en 2014 (non o esquezamos, unha abdicación pactada polo PP e polo PSOE os dous partidos dinásticos que sosteñen o trono dos Borbóns) non foi quen de frear o desapego do pobo fronte á Coroa. Desapego total que confirma o feito de que dende 2015 o CIS non faga enquixas sobre a Casa Real ou que en 2019 a empresa IPSOS desvelase que o 37% dos cidadáns cidadás querían abolir a Monarquía.

Compre lembrar que a abdicación do rei Emérito non tivo outro obxectivo que salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción. Agora e logo de dez anos de reinado, semella evidente que Felipe VI continua de forma clara as liñas políticas do seu pai. No seu primeiro acto como rei recibía ás vítimas do terrorismo e ignoraba olimpicamente as centenares de miles de vítimas do franquismo.

Así, no seu discurso de Nadal de 2023, Felipe VI non condenaba a sublevación de 1936 contra a democracia, nin os 40 anos de ditadura franquista que cualificaba moi distante e pulcramente como “error histórico”.

Que a monarquia esté blindade e superprotexida sabemolo ben. Tanto antes con Juan Carlos I como agora con Felipe VI. A posición servil dos grandes medios de comunicación fronte á Coroa, non fan máis que confirmalo un día tras outro. Como lembramos antes, O CIS non pregunta por ela nas súas enquixas e todas as iniciativas presentadas para investigar a corrupción da monarquía son rexeitadas sistematicamente pola Mesa do Congreso, coa colaboración inestimable, hai que dicilo claramente, do Partido Socialista Obrero Español.

As chamadas regularizacións fiscais do rei Juan Carlos, coa implicación da Fiscalía e do Goberno a través da Axencia Tributaria, non tiñan outro obxectivo que evitar as repercusións penais dos seus presuntos delitos e, sobre todo, evitar que esas investigacións repercutisen na figura do seu fillo Felipe de Borbón.

Nós queremos que o rei Juan Carlos sexa xulgado por todos os posíbeis delitos cometidos antes de 2014, cando abdicou, e despois de 2014 e que reembolse ao patrimonio do Estado as partidas económicas que recibiu con cargo ao orzamento da Casa do Rei dende 2008.

Os republicanos e republicanas non estamos dispostos a normalizar as visitas que fai Juan Carlos a Sanxenxo e a outros lugares de Galiza e esiximos que todas as rúas ou prazas a el dedicadas, sexan eliminadas ou renomeadas, comezando pola retirada do busto que, aínda hoxe, sabendo o que sabemos sobre as súas andanzas delictivas, se pode contemplar na Praza do Rei de Vigo aos pes do edificio do Concello da cidade. Urxe que as autoridades municipais fagan desaparecer ese busto xa. É unha cuestión de pura hixiene democrática.

Fora o busto de Juan Carlos da praza de Rei! Nin praza do Rei nin praza de Juan Carlos, Praza do pobo!

Os republicanos e republicanas queremos unha República laica, igualitaria, xusta, non sexista e radicalmente democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á corrupción e ao enriquecemento sen límites duns poucos e acabe cos recortes sociais que empobrecen ás clases populares.

Unha República que recupere a memoria histórica, acabe coa impunidade e condene a aqueles que durante a Ditadura e mesmo a Transición cometeron crimes contra a humanidade, que non prescriben. Queremos verdade, xustiza e reparación para as vítimas do franquismo e a derrogación da Lei de Amnistía de 1977, tal e como recomendaron Amnistía Internacional e a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, porque incumpre o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos das Nacións Unidas de 1966, asinado polo Estado Español en 1976.

Os republicanos e republicanas precisamos xuntarnos na máis ampla unidade para loitar pola verdadeira democracia e polas liberdades reais, unhas liberdades reais e una democracia auténtica que só se poden facer efectivas nun réxime republicano, onde todos os cargos públicos, sen excepción, sexan elixidos e dependan do exercicio da soberanía popular a través do voto.

Cando se cumpre o 10º aniversario da coroación como rei de Felipe VI chamamos a toda a cidadanía para que se sume á construción dunha alternativa republicana e para que traballe arreo para republicanizar as loitas sindicais, as loitas veciñais, as loitas políticas ou socias, mesmo as loitas culturais.

É hora de expresar o noso compromiso en defensa da democracia e pola transformación social, con maior xustiza e liberdade e, xa que logo, por un futuro republicano.

VIVA A REPUBLICA !

ABAIXO OS BORBÓNS!

Vigo 20 de xuño de 2024

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.