Iniciativa Galega pola Memoria / Coordinadora estatal de apoyo a la Querella Argentina contra crímenes del franquismo (CeAQUA)
O 14 de abril do 2010 iniciouse en virtude do principio de xustiza universal, a denominada Querela Arxentina, a causa xudicial penal que investiga os graves crimes contra a humanidade cometidos durante a ditadura franquista e que tramita o Xulgado Criminal e Correccional Federal 1 da República Arxentina.
Entre a interminábel relación de delitos que se investigan, cabe citar desaparicións forzadas, fusilamentos, paseos, roubos de nenas e nenos, traballo escravo, torturas, malos tratos e abusos en campos de concentración e preventorios, detencións arbitrarias, persecucións, agresións sexuais, etcétera.
Grazas ao empurre e a constancia de centos de persoas que padeceron estas graves violacións de dereitos humanos, as súas familias, organizacións e algunhas institucións públicas, así como ó apoio das asociacións, sindicatos e institucións arxentinas, logramos que a Querela Arxentina sexa un dos instrumentos máis eficaces de denuncia e de loita contra as políticas de impunidade do Estado español que negan o dereito á tutela xudicial efectiva a estas persoas.
As devanditas políticas de impunidade, intactas logo de corenta anos de democracia, consisten na falta de investigación xudicial dos crimes aberrantes que se cometeron durante a ditadura franquista e na utilización dun discurso de esquecemento, amnesia e perdón oficial aos criminais franquistas, invocando unha suposta dinámica de reconciliación “entre españois”. Isto supón e representa unha flagrante violación do Dereito Internacional dos Dereitos Humanos pois o Estado español está a incumprir sistematicamente as obrigacións internacionais contraídas tras a ratificación dos Tratados Internacionais na materia.
Como dixo no Congreso dos Deputados Fabián Salvioli, relator especial das Nacións Unidas para o dereito á verdade, á xustiza, á reparación e ás garantías de non repetición, a reconciliación é a recuperación da confianza da sociedade no Estado. Só mediante a restauración da xustiza e da adopción de todas as medidas reparadoras previstas no Dereito Internacional, recupera a sociedade a confianza no Estado e reconcíliase con el.
Logo de dez anos, celebramos a existencia e o periplo da Querela Arxentina, recoñecemos os logros conseguidos mediante a mesma, mais non podemos esquecer que a devandita causa xudicial se tramita en Arxentina porque o Estado Español continúa desenrolando políticas de impunidade impropias e incompatíbeis cun sistema democrático.
Desde CeAqua, neste décimo aniversario da Querela Arxentina, queremos reafirmar o noso compromiso coa causa penal que seguiremos impulsando a pesares dos sistemáticos obstáculos impostos polo Estado español. Tamén queremos lembrar a todas aquelas persoas que nos deixaron nestes últimos anos e que traballaron con tanto esforzo a fin de que o proceso xudicial fora un referente na loita contra a impunidade, cunha mención moi especial a Dario Rivas, como primeiro querelante, e a Carlos Slepoy e Chato Galante como impulsores esenciais de CeAqua.
Se el primero en comentar