1936

Salvar Al Garito IOSIF
Ilustración de Evaristo Pereira

Por Fernando Salgado

“O fascismo no 36 arrasou, derrubou, tronzou, exterminou en todo o que cheirase a asociacionismo e liberdade. Non houbo fronte de guerra: houbo terror, asasinato, houbo unha auténtica cazata. O proxecto, os proxectos, os horizontes a esperanza, todo foi tronzado. Hai moita e moi boa e interesante literatura sobre o tema. Últimamente, ademais, especialmente vizosa na novelística. Tal e así que Rexina Vega, a recente gañadora do Premio Xerais de Novela, dixo ó recolle-lo premio: ‘Outra maldita obra sobre a Guerra Civil’. Novelas, poemas, homenaxes literarios, investigacións… Diolas dea. Memoria política. Doutra banda, o revisionismo, o negacionismo ou a patética paz dos vencedores”.

O 23 día de xuño do ano 2008, Anxo Angueira pronunciaba estas palabras nun acto organizado pola asociación ecoloxista e cultural Verbo Xido en Cerdedo.

“O don de prender no pasado a faísca da esperanza tan só lle é dado ao historiador perfectamente convencido de que tan sequera os mortos están seguros se o inimigo vence. E o inimigo nunca cesou de vencer”, advertía Dionisio Pereira, parafraseando a Walter Benjamín, na presentación do seu libro ‘Album de guerra. Canteiros da Terrra de Montes no Exército Popular da República’, celebrada o día 2 de febreiro do mesmo ano en idéntico escenario.

É preciso recordar e construír exercicios literarios sobre os traumas colectivos para liberarnos do peso que deixaron os asasinatos e as torturas. É preciso recordar que o mal estivo aquí. Nos centros de detención, nos camiños, nas cunetas… É preciso nomear en voz alta os nomes daqueles que morreron ou foron perseguidos por defender a legalidade. Cando a democracia pague a súa débeda con quen pelexou por ela, a Guerra Civil deixará de ser unha ferida aberta para se converter nunha lección da historia que no debería volver a repetirse.

Pero o inimigo nunca cesou de vencer.

Nicola Saco e Bartolomeo Vanzetti foron acusados de cometer un crime. Con Estados Unidos nunha profunda depresión económica, o pobo pedía sangue. Unha árbore e unha corda. As vítimas foron dous humildes emigrantes italianos: un zapateiro e un peixeiro acabaron na cadeira eléctrica en Massachusetts no mes de agosto do ano 1927.

“O inimigo querenos mortos e mortos nos vai ter para defender o privilexio e a tiranía, para humillarnos, para acobardarnos, para vencernos, para destruirnos e encadear os pobos ao carro da súa escravitude (…) E ese mesmo inimigo espeta os seus inmundos tentáculos na carne de todos los pobos da Terra, prepara o máis grande militarismo do mundo e apréstase a escravizar a enteira humanidade. Hai que aplastarlle a cabeza”, advertiu (advertiunos) Bartolomeo Vanzetti diante do Tribunal que o xulgou.

Setenta anos despois, o Goberno de Estados Unidos de América recoñecía o erro cometido e pedía perdón.

Aquí, no ano 1963, o franquismo asasinaba a dous mozos anarquistas acusados en falso de pór dous artefactos explosivos. Joaquín Delgado e Francisco Granados foron sentenciados a garrote vil despois de sufrir espantosas torturas. O Tribunal Supremo da España democrática, avanzada e europea negouse a recoñecer a barbaridade cometida por un sinistro Tribunal Militar.

Derrotados os nazis, o xeneral Charles Degaulle promoveu o xuízo que levou ó paredón de fusilamento o exprimeiro ministro de Francia, Pierre Laval, por colaborar con Hitler. Facelo é un delito penado con cadea tamén en Austria, Bélxica, República Checa, Polonia, Rumanía ou Eslovaquia.

Aquí, Jaime Mayor Oreja, ex-ministro do Interior do Partido Popular entre os anos 1996 e 2000, afirmou, impunemente, que o franquismo foi un período “tremendamente plácido”. Lonxe de expropiarlle-los bens conseguidos a punta de fusil, aquí finánciase o franquismo con fondos públicos.

No ano 2007, a Audiencia da cidade alemana de Mannhein impuxo a condena máxima, cinco anos de cárcere, ao historiador Ernest Zündel por negar sistemáticamente o xenocidio nazi.

Aquí, no mes de xaneiro do ano 2008, o Tribunal Constitucional acordou que negar o Holocausto non é un delito, pechando un caso aberto sete años atrás pola Audiencia de Barcelona. Foi o pronunciamento dos xuíces escollidos para velar pola orde constitucional diante do recurso presentado por Pedro Varela Geiss, propietario da Libraría Europa, un foco de propaganda e activismo nazi nucleadora da organización Círculo Español de Amigos de Europa (Cedade).

Os alemáns que acoden aos antigos campos de concentración, nos que morreron millóns de seres humanos, choran, piden perdón e avergóñanse polo que fixeron os seus devanceiros. O día 6 de este mes, a canciller, Angela Merkel, visitou o de Auschwitz, en Polonia. “A loita contra o antisemitismo e toda forma de odio é una prioridade do Goberno”, dixo.

Aquí, a ultradereita organizou concentracións no Valle de los Caídos nas que insulta, ameaza e recorda que os que gañaron a guerra siguen mandando, mantendo as súas cotas de poder e disposta a axustarnos as contas en cando a historia lle dea unha oportunidade de facelo.

Me llamarán, nos llamarán a todos.

Tú, y tú, y yo, nos turnaremos,

en tornos de cristal, ante la muerte.

Y te expondrán, nos expondremos todos

a ser trizados ¡zas! por una bala.

Bien lo sabéis. Vendrán

por ti, por ti, por mí, por todos.

Y también

por ti.

(Aquí no se salva ni dios, lo asesinaron.)

Escrito está. Tu nombre está ya listo,

temblando en un papel.

(Blas de Otero deixou o aviso en 1955).

Tamén Luis Pimentel, en 1937.

¿Outra vez, outra vez o terror!

Un día e outro día, sen compás, sen protesta

Galicia ametrallada nas cunetas

dos seus camiños.

Chéganos outro berro.

Señor ¿qué fixemos?

-Non fales en voz alta-

¿Hasta cando durará iste gran enterro?

-Non chores que poden escoitarte

Hoxe non choran máis que os que aman a Galicia

¿Os milleiros de horas, de séculos,

que fixeron falla

para faguer un home!

teñen que se encher aínda

as cunetas

con sangue de mestres e de obreiros.

Lama, sangue e bágoas nos sulcos

Son semente.

Voltemos ao presente.

“Algunos se han acordado de sus padres cuando ha habido subvenciones para encontrarlos”, atreveuse a dicir o exvoceiro do PP Rafael Hernando.

“Ni dictadura ni leches. Se vivía de maravilla”, dixo a concelleira do mesmo partido en Calpe (Alacant) Ana Sala.

“Quienes fueron condenados a muerte es porque se lo merecían”, sentenciou o alcalde de Baralla (Lugo), tamén do PP, Manuel González, mentres que o seu homólogo de Beade (Ourense) e compañeiro de partido, Senén Pousa, érguelle un altar a Franco no despacho do Concello.

“Es un error la condena realizada por el Congreso al levantamiento militar de 1936”, dixo Manuel Fraga Iribarne. “El glorioso alzamiento nacional del 18 de julio de 1936 fue uno de los más simpáticos movimientos político-sociales de que el mundo tiene memoria”, deixou dito Fraga en 1949. “Vientos de revancha”, sentenciou José María Aznar cando os concellos comezaron a retirar placas adicadas a franquistas das rúas e prazas, cumplindo así o establecido na Lei de Memoria Histórica.

Acheguémonos máis ao presente.

“Los de izquierdas son unos carcas, todo el día en la fosa de no sé quién”, afirmou o seu sucesor, Pablo Casado. “Quince millones para que desentierren unos huesos”, é una frase pronunciada pola senadora do mesmo partido Esther Muñoz.

A Xunta de Galicia e o Concello de Redondela poñen os cartos de todos para que se celebre na Illa de San Simón un festival de música electrónica. ‘Llevamos la música a lugares insólitos’, di o eslogan. Certo: a un campo de concentración. O mesmo no que no mes de novembro do ano 2019 autorizou a celebración dunha festa de Halloween a una empresa: burla e colonización cultural nun mesmo acto.

Nas bancadas dos campos de fútbol vomitan racismo, xenofobia, machismo e homofobia. Deséxanlle a morte a uns futbolistas e chámanlle putas a mulleres que denunciaron ser vítimas de agresión sexuais. E nunca pasou nada ata que un grupo de siareiros do Rayo Vallecano lle chamaron nazi a un futbolista de probadas simpatías coa ultradereita de Ucrania. A Liga de Fútbol Profesional bendeciu a suspensión do partido. “España necesitaba una alternativa así”, dixo o seu presidente, Javier Tebas, referíndose a Vox.

“Insisto. En los movimientos racista y fascista, aparte de ciertas cosas inadmisibles, hay mucho de aprovechable, a condición de amoldarlo a nuestro temperamento y empaparlo de nuestra doctrina”. Esta declaración foi feita por Gil Robles á volta da súa viaxe para asistir ao Congreso de Nuremberg en 1933.

Demasiados medios de comunicación lle chaman “patriotas” ou “constitucionalistas” aos fachas que posan coa bandeira franquista. É a prensa que critica a quen lle chama nazis aos nazis.

O filólogo Victor Klemperer, perseguido polos nazis, deixou un aviso no libro ‘La lengua del Tercer Reich’: “As palabras poden actuar como doses ínfimas de arsénico: un trágaas sen decatarse, parecen non provocar efecto ningún, e ao cabo dun tempo, próducese o efecto tóxico”.

“Lo que queda al final es una pregunta inquietante que lleva días rondándome la cabeza. Cómo actuaría cada uno de nosotros. Qué haríamos, preocupados a veces porque se ha acabado el agua mineral, porque el niño se ha meado, porque le hemos hecho un rayazo a la moto, si vinieran a nuestra casa en mitad de la noche y tuviésemos que elegir. ¿Daríamos la cara aunque nos la partieran? ¿Delataríamos al vecino?  ¿Huiríamos dejando todo atrás? ¿Bajaríamos la cabeza? Todo pasó hace solo 80 años. Tanta barbarie, tanto odio, tanto cabronazo”. Esta párrafo é dun artigo sobre o libro ‘Un cesto de mazás’, de Montse Fajardo, escrito polo xornalista Adrián Rodríguez no Diario de Pontevedra.

Alá cadaquén coa súa resposta.

No camiño seguido polos seres humanos, un dos fitos con máis significado foi a toma de conciencia da súa existencia e da anguria diante da morte. Os nosos devanceiros cavaban sepulturas e facían ofrendas aos seus mortos. No ano 1976 foi descuberta La Sima de los Huesos, en Atapuerca (Burgos), o primeiro e máis grande cemiterio do planeta. Centos de milleiros de anos despois, seguimos vivindo no país das foxas e das cunetas (¿100.000, 120.000?), somos un anacronismo no continente máis desenvolto e socialmente más avanzado do mundo). Ningunha sociedade pode construirse esquecendo os seus crimes.

A intención do totalitarismo é facer desaparecer ás persoas e a súa memoria, facer como se nunca chegasen a existir, apunta o arqueólogo de Soutelo de Montes Alfredo González Rubial no seu libro ‘Volver a las trincheras’ botando man do pensamento da filósofa Hannah Arendt.

Ao longo da historia, a encrucillada é sempre a mesma: civilización ou barbarie.

“Que non se repita”, din os vellos. Pero nós sabemos que seguen mandando os que se consideran designados para mandar por deus e pola historia, e que hai listas, como no 36. Pero aquí seguimos, en pé, todos aqueles que estamos dispostos a botar leña ao lume para que non se apague a esperanza, e non viramos a cara porque sabemos que un fascismo difuso está deixando paso a outro coa cara descuberta: do ovo acubillado pola gaivota xurdiron as serpes. Caídas todas as máscaras, queda a calavera, e para que non se repita o exterminio e a cazata é preciso seguir loitando contra a desmemoria e o revisionismo.

No limiar do libro sobre a represión franquista en Cerdedo, escrito por Dionísio Pereira, Alfredo González Ruibal deixou escrito:

“Son necesarios moitos libros, moitas conferencias nas que se denuncie a represión franquista, moitas máis clases nas que falemos aos rapaces do pasado máis sinistro do país, para que poidamos estar seguros de que o sacrificio de quenes loitaron pola liberdade e a xustiza non foi en van e que nós –como sociedade- aprendemos a lección.

Por todo iso, e por Albino Agraso Santamaría, Antonio Blanco Solla, Amando Iglesias Pérez, Demetrio Lorenzo Ordóñez, Santiago Ramos Ramos e Bernardino de la Torre Fernández, asesinados o día 31 de decembro do ano 1936 en Marín, temos que seguir adiante, e só así poderemos dicir, como Simónedes de Ceos dos caídos nas Termópilas:

“Gloriosa é a súa fortuna, fermoso é o seu destino, é a súa tumba un altar. En vez de pranto teñen a lembranza, e alabanza é o seu loito. E nin o mofo nin o tempo, que todo o doma, destruirán as súas sepulturas”.

(Escrito leído o día 31 de decembro do ano 2019 en Marín, no acto organizado pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica)


Tú eres nuestra única fuente de financiación. Con tu ayuda podremos seguir ofreciéndote nuestros artículos:

Ayúdanos a seguir con Nueva Revolución

Be the first to comment

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.